Un anaco das últimas edicións do Castelo Conta

Co verán cada vez máis preto, actualizamos a tenda online co merchandising das últimas edicións. Unha forma de lembrar o vivido e de seguir facendo posible o que está por vir.

Hai algo que pasa todos os anos cando comeza a chegar o bo tempo: o corpo empeza a pedir Castelo Conta.

Pide monte, pide xente, pide historias e contos e tardes que se alongan sen présa ata a noitiña. Pide volver a Castelo, aínda que sexa un pouco antes de tempo. E mentres seguimos preparando o que virá este verán, quixemos facer unha pequena parada para lembrar todo o que nos trouxeron as últimas edicións.

Temos claro que o Castelo Conta non queda só nos días de agosto. Está tamén en todo o que pasa ao longo do ano: no coidado do monte, no traballo coa veciñanza, nas redes que se van tecendo entre persoas e proxectos, e na maneira de facer as cousas con respecto polo lugar e pola súa xente.

Por iso, ao actualizar a tenda online co merchandising das últimas edicións, o que poñemos en circulación non son só recordos. Son pezas que forman parte dese camiño, de todo o que se foi construíndo nestes anos. Produtos que seguen dispoñibles -moitos deles xa en cantidades limitadas- e que permiten levar contigo unha pequena parte da historia do Castelo Conta.

Hai un pouco de todo: camisolas de distintas edicións, suadoiros para cando refresca, mochilas lixeiras para o día a día ou para unha saída ao monte, e tamén xogos e pezas pequenas como o dominó, a baralla ou a táboa de madeira, pensadas para compartir tempo arredor dunha mesa ou nunha manta ao sol.

Entre todas elas, hai propostas que van máis alá do propio festival. É o caso das camisolas solidarias en colaboración con Ecos do Sur, unha iniciativa coa que todo o recadado se destina a apoiar o traballo desta ONGD en Galicia con persoas migrantes e refuxiadas. Un xeito de facer que o que pasa en Castelo tamén teña impacto fóra do festival.

Mercar merchandising do Castelo Conta non é só levar un recordo. É tamén unha forma directa de apoiar o festival e todo o que hai detrás. Este proxecto constrúese desde o rural, coa veciñanza no centro, cun compromiso claro coa lingua, coa cultura e co coidado do entorno. E faino, ademais, cun modelo que reinviste no propio festival todo o que se xera: para que volva haber contos nas eiras, música no monte, actividades para a xente miúda, encontros arredor da mesa e noites que se lembran todo o ano.

A tenda xa está actualizada tanto na web como na aplicación dispoñible en Android e iOS. E mentres seguimos traballando na próxima edición, é un bo momento para volver (aínda que sexa de maneira figurada) ao Castelo Conta.

O talento que medra no Castelo Conta, finalista nos XXIV Premios Mestre Mateo
‘Mulleres que Contan’ entra na súa fase final: o reencontro das protagonistas
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.