O talento que medra no Castelo Conta, finalista nos XXIV Premios Mestre Mateo
‘Pipo’, ‘Ao son da nova regueifa’, ‘Bibopalula’ e ‘Bechos’, producións vencelladas ao festival, compiten como finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo. Un recoñecemento ao talento, á lingua e á creación para a cativada.

O Castelo Conta sempre foi un espazo para facer medrar a cultura desde a raíz: un lugar onde a tradición dialoga coa creación contemporánea e onde a cativada ocupa un lugar central. Por iso, celebramos con especial orgullo que varias producións vinculadas ao festival formen parte das candidaturas finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo.
Entre elas están ‘Pipo’ e ‘Ao son da nova regueifa’, que se presentaron na décima edición do Castelo Conta, durante unha xornada que combinou aprendizaxe, emoción e festa colectiva. A estrea da serie de animación creada por Laura e Andrés Mahía fixo rir e soñar ás crianzas, mentres que o documental dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas achegou ao público unha radiografía viva da regueifa contemporánea, reivindicando a forza da palabra improvisada e a súa conexión co presente.

Tamén ‘Bibopalula’, finalista en dúas categorías, forma parte da historia recente do festival. O seu espectáculo no Monte Xalo converteu o escenario natural nun espazo de música, imaxinación e encontro, demostrando a capacidade da creación audiovisual galega para expandirse máis alá das pantallas e conectar directamente coa cativada.

Pola súa banda, ‘Bechos’, finalista na categoría de Mellor serie web, mantén igualmente un vínculo especial co Castelo Conta. A súa presentación en primicia no marco das actividades de Xente Miúda en 2023 permitiu que as máis pequenas e pequenos coñecesen de primeira man un universo de animación pensado para aprender, compartir e medrar en contacto coa natureza.

Estas candidaturas non só recoñecen o talento dos equipos creativos, senón tamén unha aposta clara por contidos en galego, feitos desde Galicia e dirixidos ás primeiras idades. Unha liña que o Castelo Conta comparte e impulsa cada ano, defendendo a cultura como ferramenta de comunidade, identidade e futuro.
Que estas producións estean hoxe entre as finalistas dos Premios Mestre Mateo é, en parte, tamén unha celebración colectiva: a confirmación de que a cultura que nace e se comparte nos nosos espazos segue medrando, chegando máis lonxe e abrindo camiños para novas xeracións.