Sesión acústica de Sés en Folgueira

Innumerables son as veces que tivemos oportunidade de toparnos coa música de Sés, en multitude de contextos. Este ano, contamos de novo coa súa presenza, xa toda unha veterana do Castelo Conta.

No seu último traballo discográfico, Liberar as Arterias, Sés fai unha viaxe de norte a sur por América, achegando as músicas de alí ao seu particular estilo que mestura músicas de raíz. A forza e calidade destas cancións continúan o bo entendemento co público de Sés, acostumada xa a encher alí por onde pasa. Unha artista que en pouco tempo fixo un oco no panorama musical a base de orixinalidade, determinación e bo facer.

O martes 23 de agosto, desfrutaremos no Castelo Conta dun concerto en acústico da man de Sés. Nesta xornada a artista fará un percorrido pola súa propia andaina musical, que deixa tras de si un total de sete discos en nove anos de traxectoria musical. A cantora coruñesa interpretará a súa propia revolución, do rock ao blues, en Folgueira, ás 20.00 horas.

A entrada é de balde, mais a asistencia require unha previa retirada de convites que podes conseguir online ou nos puntos de venda físicos.

X