Rematamos bailando por todo o alto: todo isto pasou na segunda xornada do Castelo Conta

O Monte Xalo viviu unha segunda xornada chea de música e memoria: da sesión vermú de Pulpiño Viascón pasamos ás presentacións sobre o patrimonio do monte, para rematar o día co ritmo de Alana e a enerxía imparable de Ortiga.

O Monte Xalo volveu ser o escenario central do festival na súa segunda xornada, cunha programación que transitou da escoita activa ao baile máis desinhibido, pasando polo humor, a tradición e a comunidade. O sol acompañou desde primeira hora e a calor non fixo máis que reforzar o espírito festivo que se respiraba en cada recuncho.

A mañá arrancou con Pulpiño Viascón, quen converteu a sesión vermú nunha auténtica festa para todos os públicos. Entre instrumentos imposibles e o son máxico da súa “serea” -unha serra que emite un son que lembra ao canto das criaturas mitolóxicas-, encheu a taberna de humor, complicidade e melodías que puxeron o público a gozar desde o primeiro minuto.

Pola tarde, o festival trasladouse ao alto do monte cun bloque cheo de contido e reflexión. Lois Vilar presentou o libro ‘Monte Xalo’, froito de máis de tres décadas de investigación, no que recolle lendas, topónimos e patrimonio oculto deste lugar que forma parte da memoria colectiva. A actividade completouse coa presentación dunha nova aplicación móbil para coñecer rutas e espazos destacados, e cunha conversa coa comunidade de montes de Castelo, que explicou o seu modelo de xestión sostible. Esta, fundaméntase na eliminación de especies invasoras, replantación con frondosas autóctonas e proxectos de educación ambiental que manteñen vivo o vínculo entre veciñanza e natureza.

Cando o sol comezou a baixar, a música tomou de novo protagonismo. O trío Alana fixo bailar á xente a ritmo de maneos, xotas e muiñeiras, demostrando que a música galega pode soar tan fresca como contemporánea. Xa entrada a noite, Ortiga puxo o monte patas arriba cun concerto cheo de humor, frescura e verbena. O seu ‘circulito’ fixo partícipes a todos os asistentes, que se entregaron ao baile ata converter o Xalo nunha festa en toda regra.

A segunda xornada do Castelo Conta 2025 quedará lembrada como un día de calor, comunidade e celebración.

Xa podes ver as fotos na nosa galería!

Leva contigo un anaco da décima edición do Castelo Conta
Entre cantos e emocións: así vivimos o derradeiro día no monte
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.