Máis contidos e novidades en camiño na aplicación do Castelo Conta
A aplicación oficial do festival, gratuíta para Android e iOS, acaba de recibir unha nova actualización: máis contidos multimedia, melloras no mapa interactivo e acceso á tenda. E non remata aí! Nas próximas semanas continuará incorporando novidades.

A aplicación oficial do Castelo Conta continúa medrando. Está dispoñible de balde para dispositivos Android e iOS, e vén de actualizarse cunha versión mellorada que amplía os contidos e reforza a súa función como espazo dixital para seguir conectado co proxecto durante todo o ano.
A ferramenta organízase en catro apartados principais que permiten achegarse ao universo do Castelo Conta desde diferentes perspectivas.
- No apartado de noticias, as persoas usuarias poden atopar toda a actualidade do festival e as últimas novidades do proxecto.
- A sección de multimedia reúne unha ampla variedade de materiais audiovisuais. Aquí están dispoñibles, en vídeo, os programas de Contos de Castelo, así como resumos de encontros, pezas especiais sobre iniciativas como Mulleres que Contan, vídeos diarios das últimas edicións e o aftermovie do décimo aniversario do festival. Ademais, o apartado inclúe audios con historias vinculadas a lugares emblemáticos da aldea, que permiten descubrir o seu patrimonio desde unha perspectiva máis íntima e comunitaria.
- Outro dos espazos máis singulares da aplicación é o mapa interactivo, que permite localizar puntos destacados de Castelo e escoitar relatos asociados a cada lugar. A través desta funcionalidade, a app convértese tamén nunha porta de entrada á memoria colectiva e á historia do territorio.
- A aplicación incorpora agora unha novidade! A tenda, na que se poden atopar produtos oficiais da décima edición e dalgunhas anteriores.
Esta actualización forma parte dun proceso de mellora continua: nas próximas semanas a aplicación seguirá incorporando algunha que outra sorpresa. Descarga a app e mantente ao día das novidades!