‘O proceso ten que pertencer ás mulleres que o viven’

Acompañamos a Hadriana Casla nos obradoiros de ‘Mulleres que Contan’ en Triacastela, Manzaneda, Baroña e Taboada, nun momento clave do proxecto: o reencontro e a construción colectiva do documental.

Hadriana Casla (Madrid, 1995), integrante do Colectivo GRIGRI, cineasta e comunicadora social, o seu traballo móvese entre o audiovisual e os procesos comunitarios. A entrevista non acontece nun único lugar. Acompañámola ao longo de varios días polos obradoiros de Mulleres que Contan en Triacastela, Manzaneda, Baroña e Taboada, vendo como se constrúe, pouco a pouco, un espazo de confianza entre mulleres que, ata hai non tanto, eran só veciñas.

Non hai unha distancia clara entre quen observa e quen participa. Hadriana propón, pero tamén escoita, acompaña, reformula. O proceso, como insiste varias veces, non é seu: é delas.

Á volta dun deses encontros, o día péchase cunha luz morna que entra polo parabrisas do coche: o sol caía tras un día de obradoiros en Manzaneda. O ceo, en tons rosas e azuis, enmarcaba a conversa que sucedía no interior do vehículo, arredor das mulleres que acabábamos de coñecer. Foi un momento de reflexión, de admiración, de repaso polas súas historias e incluso de revelación, ao chegar a comprender o que significa estar presentes nun proxecto como Mulleres que Contan.

A orixe do proxecto

Como nace un proxecto así? A resposta remítenos a unha experiencia previa, Mulleres de Castelo, que funcionou como primeiro laboratorio de creación colectiva no rural galego. A partir de aí, a proposta medra e expándese a outros territorios, mantendo unha idea central: recuperar espazos de encontro feminino e dar valor ás historias que sosteñen a vida.

O papel das participantes sempre foi central. Quería que elas fosen protagonistas da súa propia historia e que decidisen como querían ser representadas.

O interese non está só en contar historias, senón en ver que sucede cando esas historias se comparten. Que vínculos se crean e que se activa nun grupo de mulleres cando teñen un espazo propio para falar, lembrar e imaxinar.

Obradoiro en Manzaneda, mulleres compartindo historias.

O proceso: crear xuntas

Isto foi tomando forma en varias etapas que, máis que dividir, rematan por entrelazarse. Primeiro, os encontros presenciais abriron un espazo de diálogo arredor dos coidados, das emocións e das vivencias. Despois, a distancia non interrompeu o proceso: a través dunha correspondencia audiovisual constante, as participantes seguiron conectadas, compartindo fragmentos da súa vida cotiá, pequenas escenas que conforman un arquivo íntimo e colectivo.

E agora, na terceira fase, prodúcese o reencontro. Volven a verse e escoitarse, pero tamén toman decisións: revisan o material, seleccionan imaxes, constrúen un relato conxunto.

Esta etapa permite a revisión conxunta do material e a participación activa das mulleres na toma de decisións sobre o documental. É unha etapa de consolidación, de escoller que historias, imaxes e manifestos se incluirán.

As protagonistas

Que pasa dentro destes encontros? Que fai posible que as mulleres compartan experiencias tan persoais?

O tempo. Tempo para falar, para escoitar, para coller confianza. E pouco a pouco, van aparecendo historias que non sempre tiveron lugar noutros espazos.

Fálase de soidade, de perda, de enfermidade. Pero tamén de autonomía, de desexo, de pequenas conquistas persoais. Historias que case sen decatarse, deixan de ser individuais. Ao compartilas, entenden que forman parte dun mesmo tecido, con experiencias similares, no que a sororidade e o entendemento estiveron sempre presentes.

É fundamental crear un espazo seguro, onde cada unha se sinta escoitada e sen xuízos.

Nese recoñecemento plural é onde comeza a comunidade.

As mulleres de Triacastela ao carón do seu castañeiro.

Do proceso á película

Como se transforma todo isto nun documental?

Non é un proceso inmediato. Require distancia, revisión, volver sobre o material. As palabras, as imaxes, os silencios… todo se reorganiza para construír unha narrativa que sexa fiel ao vivido. Aquí Hadriana insiste nunha idea que atravesa todo o proxecto: non se trata só de contar, senón de decidir desde onde se fai e quen o fai.

As participantes son, ademais de participantes, creadoras. Deciden que historias aparecerán, que imaxes escoller, que mensaxes queren transmitir. O documental convértese así nunha creación cunha autoría certamente distribuída.

O impacto

Máis alá do resultado final, o que queda é o que xa está a suceder. Relacións que antes non existían, vínculos que se fortalecen, unha rede que continúa máis alá dos obradoiros.

O proxecto funciona como un lugar de encontro, pero tamén como un espazo de recoñecemento. De entender que o vivido ten valor, que merece ser compartido.

Crea comunidade, reduce a sensación de soidade, fortalece a autoestima e a capacidade de compartir e de recoñecerse nas experiencias doutras.

Paseniño, aparece tamén algo máis difícil de nomear: a posibilidade de colocarse no centro da propia vida, nun proceso no que tamén vai cambiando a maneira de verse a si mesmas e ás demais.

O que está por vir

Agora, co proxecto entrando na súa fase final, o foco está na montaxe e nas futuras estreas. Primeiro nos propios territorios e, despois, nunha presentación conxunta que reunirá a todas as mulleres participantes xunto ás súas predecesoras: as ‘Mulleres de Castelo’. 

O documental que está por vir falará de coidados, si. Pero tamén de responsabilidade, de vínculos, de todo aquilo que sostén a vida e que tantas veces permanece invisible.

Quero que o público sinta tenrura e tamén capacidade de intervención nas súas propias vidas.

E quizais, como naquela viaxe de volta desde Manzaneda, o máis importante non sexa só o que se conta, senón o que se comprende polo camiño.

O monte de Triacastela no solpor.
As mulleres de Manzaneda poñen o vivido sobre o papel
Castelo: unha aldea que fai que as cousas pasen
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.