As mulleres de Manzaneda poñen o vivido sobre o papel
Os reencontros da terceira fase de ‘Mulleres que Contan’ continúan. Desta volta en Manzaneda, para poñer palabras ao vivido. A escrita convértese nunha ferramenta para afondar nas historias de Benilda, Orosia, Concha, Adelina, Maribel, Carmen, Merchi e Maribel, nun encontro atravesado pola emoción e a memoria.

En Manzaneda, o reencontro das participantes de Mulleres que Contan está marcado pola emoción e por unha necesidade común: poñer en palabras o vivido. Despois de meses de proceso, de encontros e de distancia, a terceira fase desemboca nun exercicio de verdade.
A sesión comeza cun xesto sinxelo, case intuitivo: moverse ao ritmo da música. Hadriana (directora do proxecto) lánzalles unha pregunta aberta: que vos evoca o son? e as mulleres contestan inmediatamente, como se a música as trasladase a momentos concretos: sachar, camiñar, bailar, regar as plantas. Accións cotiás que falan dunha vida enteira ligada ao traballo, pero tamén ao ritmo da terra e da comunidade. Alguén lembra os seráns, as noites no torreiro, os bailes en roda. Un tempo no que o encontro formaba parte da vida diaria.
Pouco despois, o ambiente recóllese. A proposta desta volta é escribir. Unha carta a si mesmas, ou aos demais. Un texto no que presentarse, no que ordenar a memoria, e no que dicir, sen medo a ser xulgadas, tantas cousas que gardaban para elas. Hadriana pídelles algo moi concreto: honestidade. Que falen desde a verdade, sen filtros. Aínda que non lle guste a todo o mundo.
As preguntas a quen coidaches toda a vida?, de quen (ou que) coidas agora?, como queres ser coidada? abren paso a relatos moi persoais. Historias nas que se entrelazan o traballo, a familia, as perdas e tamén a capacidade de seguir adiante. Historias que, aínda sendo distintas, comparten a mesma raíz: unha vida sostida sobre o coidado dos demais.


Cando comezan as lecturas, todas escoitan atentas ás súas compañeiras. Hai quen le con decisión e quen dubida. Hai quen se emociona falando e quen o fai escoitando. Pero en todas aparece unha idea que, de novo, se repite: non quero darlle traballo a ninguén. Unha frase que condensa toda unha forma de estar no mundo. A dunha xeración que aprendeu a non pedir, a non ocupar, a non molestar. Mesmo cando o que precisa é xustamente o contrario.
Entre as voces que se escoitan, van tomando forma historias como a de Benilda, con 91 anos, que fala dunha vida ligada ao coidado e á familia, e de como hoxe atopa na horta e nos netos unha forma de seguir activa. Concha lembra anos de traballo constante e de coidados dentro e fóra da casa, e reivindica algo tan básico como ser escoitada. Orosia pon palabras á perda e á soidade, pero tamén á vontade de seguir coidando e axudando aos demais. Adelina fala da importancia de seguir adiante, mesmo cando as penas quedan dentro, e abre un debate compartido sobre o que se di e o que se cala.
Xunto a elas, outras voces completan o relato. Maribel fala da importancia dos pequenos coidados do día a día (das plantas, da casa, do corpo) e da necesidade de sentirse acompañada. Carmen reivindica o dereito a decidir como quere vivir e ser coidada, mentres reflexiona sobre a dificultade de construír un futuro no rural. Outra Maribel, máis nova, pon o foco na experiencia de coidar a alguén enfermo e na dureza de non ver melloría, pero tamén na importancia de escoitar o que o corpo precisa. E Merchi, cunha historia atravesada pola dureza desde moi nena, fala sen filtros do pasado, pero tamén da capacidade de seguir atopando felicidade, de coidarse e de coidar, mesmo nas circunstancias máis complexas.
É nese entrecruzamento de relatos onde aparece con forza outra idea clave: a sororidade e a amizade na terceira idade. Non só como concepto, senón como práctica cotiá. Falan de acompañarse, de estar. De saír a camiñar xuntas, como fan algunhas delas, convertendo un acto sinxelo nunha cuestión de apoio mutuo. E, nun momento vital no que a soidade parece facerse máis presente, estes vínculos adquiren un valor enorme. Aquí, neste grupo, atopan algo que non sempre tiveron: tempo compartido, atención, coidado entre iguais.
Aparecen tamén pequenos xestos que permanecen intactos co paso do tempo. Como a emoción de mercar un paraugas co primeiro salario… para que despois non chova durante semanas. Ou as cartas de amor gardadas durante anos, como memoria dunha forma de querer que aínda resiste.


Xunto á memoria, aparece tamén unha capa máis profunda. Moitas seguen cargando con culpas que non lles correspondían, asumindo responsabilidades que viñeron dadas polo contexto, pola idade, polo momento. Infancias marcadas polo traballo, pola enfermidade, pola falta de elección. Poñelo en palabras non cambia o pasado, pero si transforma a maneira de entendelo, tanto o que xa sucedeu, como o que está por vir.
Ao mesmo tempo, vai abríndose paso outra necesidade: a de volver a si mesmas. Falan do que lles gusta, escribir, bailar, pasear, estar coa familia, e de como, despois de moitos anos sen tempo propio, comezan a recuperar eses espazos. Non sempre é doado. Ás veces implica desaprender. Pero hai algo que xa está en marcha. Tamén o presente entra na conversa: a soidade, a distancia, a falta de encontro. Antes, din, a vida facíase en común; hoxe iso mudou. E, con todo, aquí, neste espazo, algo diso volve existir.
O proceso continúa coa selección de imaxes para o documental. Observan os fotogramas, comentan, escollen. Non se trata só de decidir que aparece, senón de recoñecerse no que ven.
Ao remate da sesión, queda a sensación de ter aberto un lugar pouco habitual nas súas vidas: un espazo no que dicir, escoitar e ser escoitadas, as emocións non teñen que agocharse nin explicarse de máis.