O monte pensado para a cativada nas actividades de ‘Un monte para sempre’

A Deputación da Coruña financia ata dez actividades dirixidas a nenas e nenos de entre 3 e 16 anos, relacionadas coa promoción do Monte Xalo, a través de diferentes accións demostrativas.

A Asociación Cultural Castelo Conta, en colaboración co Deputación da Coruña, promoverá nos próximos meses distintas actividades pensadas para poñer en valor o Monte Xalo, coa intención de trasladalas a outros montes da provincia.

Trátase dun programa piloto que ten por obxectivo a sensibilización da poboación sobre a importancia do coidado dos montes para a súa preservación, a conexión da mocidade cos espazos naturais que teñen máis próximos, o deseño de plans alternativos para desfrutar do tempo libre, ou o coñecemento da cultura rural e do patrimonio inmaterial que ten a súa orixe no rural, a través da súa transmisión entre xeracións.

As accións desenvolveranse durante os meses de agosto, setembro e outubro, no Monte Xalo ou en distintos puntos da parroquia de Castelo, e están abertas á participación de nenas e nenos de toda a provincia. Algunhas delas estarán relacionadas co coidado das sendas e camiños do monte e a diversidade ambiental, como Prantar un monte para sempre ou Un monte limpo. Outras, co lecer no monte, como unha xornada de acampada, prevista para o próximo 22 de setembro, ou a gravación dun videoclip.

A conexión entre tecnoloxía, mocidade e rural terá un protagonismo especial nas actividades: as cativas e cativos poderán participar da creación de contidos para Tik-Tok, ou un obradoiro de fotografía coas veciñas e veciños de Castelo.

Tamén haberá concertos, que se realizarán nunha programación paralela á do festival Castelo Conta. Toda a información e a inscrición nas actividades está dispoñible a través da web www.casteloconta.gal/unmonteparasempre.

Sons urbanos… no rural
O xoves, desfrutaremos a comedia dun xeito diferente
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.