O libro número cero da Bolsa de Creación comeza coas lendas do Xalo
Iria do Castelo e Antía Otero comezaron a traballar no primeiro libro da colección impulsada por Castelo Conta e Castelo Studio, unha obra ilustrada arredor dos mitos e lendas do Monte Xalo que partirá das historias da veciñanza.
O Campo da Capela de San Ramón ten escoitado moitas historias. Este xoves, baixo os castiñeiros que rodean a capela, volveu ser o lugar no que a veciñanza de Castelo se reuniu para falar daquilo que non sempre aparece nos libros, pero que forma parte da memoria dun lugar: os mitos, as lendas, os remedios populares e as crenzas que acompañaron a vida no Monte Xalo.
Iria do Castelo e Antía Otero convocaron este encontro para comezar a investigación do libro número cero da colección da Bolsa de Creación Castelo Conta x Castelo Studio. A obra, de carácter poético e ilustrado, contará cos textos de Antía Otero, poeta e escritora orixinaria da Estrada, e as ilustracións de Iria do Castelo, e estará dedicada aos mitos e lendas do Xalo.
Este número cero adiántase á selección da primeira parella creativa da bolsa, que dará forma ao número un da colección. A iniciativa busca crear libros arredor de Castelo, dos seus costumes e da súa xente, da paisaxe e do patrimonio oral, cun proceso no que a veciñanza terá un papel activo tanto na selección como na creación. Mentres a convocatoria continúa aberta, Iria e Antía xa comezaron a escoitar as voces que darán forma a esta primeira publicación.
A conversa avanzou entre lembranzas e anécdotas que falaban dunha maneira moi particular de habitar o monte. As persoas máis maiores recuperaron aquelas subidas ao Xalo co gando, cando as vacas coñecían tan ben o camiño de volta que, se a noite sorprendía ao grupo e había risco de perderse, eran os propios animais os que guiaban o regreso ata a capela. Unha historia que fala da relación cotiá co monte e dos coñecementos adquiridos por quen o percorreu durante toda a vida, pero que tamén conserva algo de misterio.
Tamén apareceron os milagres dos carballos, pero non de calquera: tiñan que ser carballos cerqueiros, tamén coñecidos como carballos rebolos ou negros. A veciñanza lembrou plantas ás que se atribuían propiedades curativas e remedios para tratar feridas e malestares. Falouse igualmente de prácticas populares para quitarlles a sombra aos nenos, algunhas delas ben sorprendentes. Historias que dificilmente se poderían reconstruír sen acudir a quen as escoitou contar ou mesmo conserva lembranzas delas.
As capelas, San Ramón, a Virxe e outros elementos da tradición relixiosa mesturábanse con estes relatos, nos que o sagrado e o imaxinario conviven sen necesidade de marcar unha fronteira precisa. Non se trata só de saber que se contaba, senón tamén de descubrir por que determinados elementos podían ser milagreiros, que poder se lle atribuía ou que había detrás dun remedio transmitido durante anos. Nesas preguntas está tamén unha parte do universo que o libro quere explorar.
Os animais da casa tiveron igualmente o seu lugar na conversa. Antía compartiu a importancia que teñen para ela as abellas, un animal especialmente simbólico que aparece con frecuencia nos seus relatos polo que lle transmite. Na súa casa eran un animal doméstico máis: vivían nun cuarto, dentro da vivenda, e nunca a picaban. A historia resoou entre algunhas das persoas presentes, que recoñeceron nela outras lembranzas.
Entre todas esas lembranzas apareceu unha curiosidade que chamou especialmente a atención de Iria e Antía: a frecuencia coa que se repetían os números impares. Nove días, sete fontes, tres voltas. Os números volvían aparecer nos relatos, nos ritos e nas prácticas que lembraba a veciñanza.
A conversa levou tamén a pensar no significado que estes números podían ter dentro do imaxinario popular. Se moitas das cousas que nos rodean se entenden a través de dualidades (o día e a noite, a vida e a morte, a auga e o lume), o tres introduce un elemento que rompe esa simetría. Quizais por iso, apuntaron, os números impares aparecen con frecuencia nas crenzas e nos relatos vinculados ao espiritual.
O encontro desenvolveuse nun círculo, fronte á porta da capela, co chan cuberto de castañas e ourizos. Houbo quen miraba de cando en vez cara arriba, por se algún ourizo decidía caer no momento menos oportuno, mentres a conversa pasaba dunha lembranza a outra. Tamén xurdiron nomes de persoas ás que acudir para seguir investigando e escoitar novas historias de primeira man. Porque, para reconstruír este imaxinario, hai que seguir preguntando e descubrir quen máis pode achegar algo que aínda non saíu á luz.

Foi unha primeira achega a un patrimonio que non sempre está escrito, pero que permanece na memoria das persoas e na relación que manteñen co lugar no que viven. Relatos ligados a unha árbore, a unha fonte, a unha capela ou a un costume poden revelar maneiras de entender o mundo que hoxe apenas coñecemos. E son precisamente esas historias, as que se gardan nas casas e se transmiten entre xeracións, as que Iria e Antía queren escoitar antes de darlles forma no libro.
O libro número cero presentarase antes da décimo segunda edición do Castelo Conta, en maio de 2027. Será a primeira publicación dunha colección que continuará coa selección dunha parella creativa a través da Bolsa de Creación Castelo Conta x Castelo Studio. As persoas seleccionadas para a escrita e a ilustración disporán dunha residencia de quince días na primavera de 2027, ademais dunha dotación económica de 3.000 euros para cada unha e ata 600 euros para gastos de produción. A veciñanza de Castelo tamén participará activamente no proceso.
De momento, quedan persoas por escoitar e relatos por descubrir. Quizais nas próximas conversas apareza unha nova versión dunha lenda coñecida ou unha historia que só unha persoa lembra. O libro irá tomando forma a partir desas voces, das coincidencias e das diferenzas entre o que cada quen conta. É que non hai mellor maneira de descubrir o imaxinario dun lugar, que sentar a escoitar a quen mellor o coñece.
