Unha residencia artística para crear un libro ilustrado desde o diálogo entre escrita, imaxe e territorio. Un proxecto de Castelo Conta e Castelo Studio no que a veciñanza de Castelo tamén formará parte do proceso de creación.
O Castelo Conta e Castelo Studio poñen en marcha a súa primeira Bolsa de Creación, unha convocatoria que busca impulsar a creación dun libro ilustrado a través do encontro entre escrita e ilustración.
A bolsa seleccionará unha persoa escritora e unha persoa ilustradora ou artista visual para traballar conxuntamente no desenvolvemento dun proxecto editorial. Poderán presentarse de maneira individual ou como parella creativa xa constituída.
As persoas seleccionadas realizarán unha residencia artística de quince días en Castelo Studio durante a primavera de 2027, cun espazo e unhas condicións axeitadas para desenvolver o proxecto. O Castelo Conta cubrirá o aloxamento e a manutención e cada persoa seleccionada percibirá 3.000 € en concepto de honorarios, ademais dunha dotación de ata 600 € para gastos de produción artística.
Pero esta bolsa non se concibe só como un espazo de creación. A veciñanza de Castelo terá un papel activo no proceso, tanto na selección das persoas participantes como nos encontros que se desenvolverán durante a residencia. As súas historias, experiencias, memoria e relación co territorio poderán formar parte do proceso creativo.
A convocatoria está aberta a persoas vinculadas á escritura, literatura, ilustración, artes visuais, cómic, narrativa gráfica, álbum ilustrado e disciplinas afíns. Non é necesario contar cunha traxectoria profesional consolidada, pero si coa capacidade para desenvolver o proxecto de maneira profesional e íntegramente en galego.
O proxecto poderá abordar calquera temática, sempre que garde relación con Castelo e a súa contorna e dialogue con aspectos como a cultura rural, a oralidade, a tradición, o territorio ou a comunidade.
O libro resultante será editado polo Castelo Conta e presentado publicamente no marco do festival en 2027.
