O humor volve encher Castelo: A Noite do Castelo Conta esgota todas as localidades

A gala dos monólogos do Castelo Conta volve colgar o cartel de completo. O espectáculo, unha das citas máis emblemáticas do festival desde o seu nacemento, reunirá o próximo 29 de agosto a algunhas das figuras máis queridas da comedia galega.

Hai noites que, co paso dos anos, deixan de formar parte dunha programación para formar parte da historia dun lugar. A Noite do Castelo Conta é unha delas. Hoxe resulta difícil entender o festival sen esa gran celebración do humor galego que cada mes de agosto reúne en Castelo algunhas das voces máis recoñecidas da comedia do país. O que comezou en 2014 como unha iniciativa para completar a programación das festas do San Ramón foi medrando ao mesmo ritmo que o propio festival ata converterse nun dos encontros máis esperados do verán galego.

Un ano máis, o público volveu responder antes de que chegase a data. As entradas para a gala do sábado 29 de agosto xa están completamente esgotadas, confirmando unha vez máis o lugar que ocupa esta cita dentro da programación do Castelo Conta.

Presentada por Xosé A. Touriñán, a gala reunirá nesta edición a Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna e Gari Garrido, acompañados da música en directo da Galifunk Brass.

Boa parte destes humoristas forman tamén parte da historia do propio festival. Algúns estiveron presentes xa nas primeiras edicións e outros levan anos regresando a Castelo para participar nun espectáculo que conseguiu algo pouco habitual: converterse nun punto de encontro da comedia galega. Un escenario no que conviven referentes históricos e novas voces do humor, mantendo vivo un formato que continúa sendo un dos sinais de identidade do festival.

Máis que unha sucesión de monólogos, a Noite do Castelo Conta é unha sorte de reencontro anual entre artistas, público e veciñanza arredor dunha maneira de entender o humor desde a proximidade, a complicidade e a celebración en comunidade. Unha noite que, ano tras ano, consegue que preto de dúas mil persoas se xunten para rir no corazón dunha pequena parroquia do rural.

Aínda que as localidades para a gala xa están completamente esgotadas, continúa aberta a venda de entradas para outras actividades da programación. O venres 28 de agosto, a Polideportiva acollerá o concerto de Xoel López e Antía Muíño, unha das grandes citas musicais desta décimo primeira edición. 

Tamén permanecen dispoñibles os tíckets para as comidas populares: a cea do sábado antes da cita co humor (churrascada), e do domingo durante a Romaría do San Ramón (polbada), así como a pulseira Todo Castelo Conta, que será necesaria para a actividade da Eclipse en Castelo (no marco da programación previa) e coa que se conseguirán outras vantaxes e descontos nas barras durante a semana do festival. 

Mentres tanto, a Noite do Castelo Conta, continúa demostrando que hai encontros que van máis alá dunha simple cita no calendario. Máis dunha decada despois da súa primeira edición, miles de persoas seguen querendo formar parte desta celebración do humor que naceu dun pequeno xesto alá polo 2014. Este ano será unha noite para sorprender, emocionar e rir como o primeiro día.

Abre a taberna: Casa Rodríguez inaugura un novo verán de encontros en Castelo
A festa tamén é da cativada: Xente Miúda esgota as súas prazas
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.