Abre a taberna: Casa Rodríguez inaugura un novo verán de encontros en Castelo

A histórica taberna de Castelo reabre este 24 de xullo e recupera o seu papel como corazón social da parroquia.

Casa Rodríguez, abre de novo as súas portas mañá venres 24 de xullo, marcando o inicio dun novo verán de actividade na parroquia e a conta atrás para a décimo primeira edición do Castelo Conta.

Durante décadas, Casa Rodríguez supuxo para Castelo e a súa veciñanza moito máis que unha taberna ao uso. Foi ultramarinos, lugar de encontro e un dos espazos máis importantes da vida social de Castelo. Alí compartíanse conversas, celebrábanse festas e construíanse moitas das relacións que deron forma á vida da parroquia.

Tras o seu peche en 2017, o Castelo Conta recuperou este espazo para devolvelo á xente da parroquia e da contorna, converténdoo de novo nun punto no que facer comunidade, aberto durante o verán. Hoxe, a taberna é un dos lugares máis emblemáticos do festival e tamén o primeiro espazo no que comeza a sentirse o ambiente do Castelo Conta, semanas antes da súa celebración.

A reapertura coincide este ano coas Festas do Santiago, que se celebrarán os días 24, 25 e 26 de xullo e servirán para inaugurar a tempada da taberna con cea popular, verbena, misa e procesión e varias sesións vermú.

Desde mañá, 24 de xullo e ata o 23 de agosto, a taberna abrirá de martes a xoves entre as 10:00 e as 23:00 h, e de venres a domingo ata a 1:00 h da madrugada, permanecendo pechada os luns.

Ao longo do mes de agosto, Casa Rodríguez volverá acoller unha programación paralela ao festival, que se irá anunciando progresivamente. Entre as citas máis especiais está A Eclipse en Castelo, o 12 de agosto, unha xornada especial para seguir o fenómeno que rematará cunha cea popular e o concerto de BÖJ.

E, como xa é tradición, durante a semana do festival regresarán os Vermús na Taberna, unha das citas máis recoñecibles do Castelo Conta. Cada mediodía, a taberna converterase nun espazo para compartir música en directo, gastronomía e conversa, reunindo artistas, veciñanza e público arredor das barras de Casa Rodríguez.

No marco da programación do 24 ao 30 de agosto, Casa Rodríguez abrirá todos os días en horario de 10:00 a 22:00 h, e volverá ser un dos principais escenarios do festival, con propostas culturais e gastronómicas ao longo de toda a semana.

A programación de Casa Rodríguez irase completando nas vindeiras semanas con novas actividades para todos os públicos. Como cada verán desde hai xa tres anos, a reapertura de Casa Rodríguez supón tamén a continuación do que sempre fixo: reunir á xente arredor dunha celebración.

Baroña abre o percorrido de ‘Mulleres que Contan’ antes da estrea do documental no Castelo Conta
O humor volve encher Castelo: A Noite do Castelo Conta esgota todas as localidades
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.