Un venres moi caloroso puso peche ás actividades da semana. Os miúdos remataron o campamento coa visita do creador de contido Xurxo Carreño, con quen aprenderon sobre o respecto pola natureza e como facer que a mensaxe chegue á xente a través das redes sociais. Ademais, puideron ver a estrea do videoclip que fixeron como parte das actividades da ‘Xente Miúda‘ e colleron forzas cunha rica merendola antes dun concerto moi especial. Uxía Lambona e a Banda Molona puxo a todos os nenos e nenas a bailar coas súas divertidas cancións. A formación recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde A Carolina -rapeada- ata O Jato -rockeiro-.
O Vermú na Taberna estivo ao cargo de Kike Piñeiro, chef da Horta do Obradoiro, quen estivo acompañado pola música de crnds. Este compositor e produtor puxo o toque musical cunha sesión disc-jóckey. Tradición e innovación, cociña de proximidade e electrónica ambiental, o plan perfecto antes de afrontar a subida ao Monte Xalo. Nesta ocasión, os petiscos foron uns boliños de pan de castañas recheos de rixóns e queixo de arzúa, unha mestura que deixou moi bo sabor de boca neste útlimo vermú.
Os derradeiros Contos de Castelo desta edición estiveron conducidos polo profesor e músico Xaime Fandiño. O último programa desta edición tivo unha temática moi relacionada co lugar onde se levou a cabo: monte, territorio e tecido comunitario. A maiores dos nosos condutores habituais, tamén contamos con Jesús Ferreño da Comunidade de Montes de Castelo para coñecer o labor que desenvolven no Xalo. Brais Pérez, da ONGD Ecos do Sur, tamén pasou polos Contos para falarnos dos proxectos que desenvolven para axudar á integración de persoas migrantes no rural. Acompañounos tamén con Eduardo de Martís, autor dun dos libros máis ambiciosos da fotografía e etnografía galegas: Galicia Latente e con unha das figuras máis destacadas do Poetry Slam galego, Peter Brea.
Non só falamos desta competición nos Contos, tamén tivemos a estes xuglares do século XXI na última actividade dos Seráns na aldea. Inés Mosquera, Galego de Caracas, Paula Pier, Debajo de la Palmera e Alicia Inconclusa uníronse a esta divertida exhibición poética. O público escolleu ao gañador desta batalla de versos, resultando vencedora Paula Pier.
Á noite os asistentes baixaron desde o Monte Xalo para dirixirse ata a Polideportiva. Os concertos do Castelo Conta trouxeron de volta a grandes amigos como Xabier Díaz. O Coruñés, volveu ao escenario principal do festival acompañado polas Adufeiras de Salitre. Tocoulle despois o turno a Sés, quen nun dos poucos concertos que dará este verán coa banda repasou o seu último traballo e cantou a canción que lle fixo a Castelo. Grazas por este agasallo! Os que viñeron por primeira vez foron Dios ke te crew. Os pioneiros do hip hop en Galicia fixeron parada en Castelo dentro da xira de conmemoración dos seus 20 anos de carreira e déronlle unha boa sacudida á Polideportiva coa súa enerxía e potencia sobre o escenario.
Pero a cousa non acabou aquí, Peter Sélek colleu os mandos na mesa do Dj para rematar cunha ecléctica sesión que puxo a todos os asistentes a bailar. Só queda un día máis de troula, pero este venres desfrutouse como se xa fose o último. Viva a música en galego e viva Castelo!