O Castelo Conta participa no Festival MARCO

A recuperación de Casa Rodríguez e o diálogo arredor do voluntariado interxeracional centraron a presenza da Asociación Cultural Castelo Conta na segunda edición do Festival MARCO.

O Festival MARCO reuniu esta fin de semana en Vedra proxectos, colectivos e persoas arredor da arquitectura, o territorio e as novas formas de activar a vida no rural desde a cultura. Neste contexto, a Asociación Cultural Castelo Conta participou en dúas xornadas da programación, compartindo experiencias vinculadas á recuperación de espazos comunitarios e ao voluntariado interxeracional como ferramentas para revitalizar o territorio.

A primeira das intervencións tivo lugar o sábado dentro do bloque Arquitectura DAFO, ‘do abandono faise oportunidade’, un espazo de conversa dedicado a proxectos que recuperan edificios e construcións tradicionais para convertelos en lugares vivos de encontro, actividade cultural e dinamización social.

En representación do Castelo Conta participou Álvaro Pérez Becerra, que compartiu a experiencia de recuperación de Casa Rodríguez, a histórica taberna da parroquia de Castelo. Durante décadas, este espazo funcionou como ultramarinos, punto de encontro veciñal e centro da vida social da contorna, ata o seu peche en 2017. Co impulso do festival, a taberna reabriu nos últimos anos durante os días de celebración, converténdose novamente no corazón simbólico da parroquia.

A conversa permitiu abordar como espazos aparentemente pequenos ou cotiáns poden funcionar como motores de revitalización cultural no rural. No caso de Casa Rodríguez, a recuperación da taberna non responde unicamente á rehabilitación dun edificio, senón tamén á recuperación dunha forma de relacionarse, convivir e construír comunidade.

Xa o domingo, a participación do Castelo Conta continuou cun encontro protagonizado por Xosé A. Touriñán dentro da proposta Radio Marco-munitaria, impulsada por veciños e veciñas de Vedra no marco dun proxecto de voluntariado interxeracional.

A sesión propuxo unha conversa aberta arredor da relación entre arquitectura, rural e comunidade, abordando tamén a necesidade de crear espazos capaces de conectar xeracións diferentes e manter vivo o vínculo co territorio. Nun formato próximo e participativo, Touriñán compartiu reflexións sobre o rural galego, os cambios sociais e a importancia de conservar lugares que funcionen como puntos de encontro para a veciñanza.

Impulsado pola Asociación Cultural MARCO, o festival continúa consolidándose como un espazo de encontro no que arquitectura, cultura e comunidade dialogan arredor das posibilidades do rural contemporáneo. Un contexto no que proxectos como Castelo Conta atopan tamén un lugar natural desde o que compartir experiencias, activar a memoria e reivindicar o territorio como un espazo vivo construído desde a participación, os coidados e a cultura.

Castelo, contra a planta de biogás na Laracha
App ‘Monte Xalo’: un espazo dixital para descubrir o territorio
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.