O Castelo Conta participa en Boiro no ciclo ‘Acceso á cultura 2025’

O Consello da Cultura Galega convidou a Xosé A. Touriñán para explicar o noso modelo de festival en canto á participación da cidadanía, xunto co Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, Escora Danza, e Pasabodeghas.

Boiro acolleu a primeira xornada do ciclo Acceso á cultura en Galicia 2025, promovido polo Consello da Cultura de Galicia, e que ao longo de cinco xornadas abordará ata o mes de xuño o dereito a participar da cultura, a perspectiva territorial, o acceso e a comunicación e a interseccionalidade.

O director do Castelo Conta, Xosé A. Touriñán, participou na primeira mesa de traballo, celebrada no Pazo de Goiáns de Boiro, onde compartiu a experiencia do noso festival coas e cos participantes neste ciclo, do que sairá un informe técnico participativo.

Touriñán explicou a forma en que as festas de Castelo deron lugar ao actual festival, e como a veciñanza foi quen de sumarse á iniciativa ata facerse imprescindible para que o evento poida sair adainte cada ano. Compartiu ademais os principais retos e dificultades que afronta o Castelo Conta cada ano, poñendo en valor a participación do público para reducir a dependencia das administracións como unha das claves do éxito.

Noticias relacionadas

X