“Os maiores son os grandes mestres de todo o que buscamos neste tempo: respecto ao entorno, aproveitamento dos recursos…”

Xosé A. Touriñán participou este mércores no X Encontro Cultura y Ciudadanía, organizado polo Ministerio de Cultura en Santiago, no que o Castelo Conta foi convidado a participar nunha mesa de proxectos e no espazo expositivo.

Trinta proxectos relacionados coa acción cultural cidadá comparten as súas experiencias esta semana no X Encontro Cultura Ciudadanía, que se celebra no Museo Galego de Arte Contemporánea e no Museo do Pobo Galego, en Santiago. O Castelo Conta é unha das iniciativas convidadas, e na mañá do mércores participamos nunha mesa con Aatomic Lab, unha proposta transformadora en Mallorca, a festa de San Pedro, que organiza El Cinorrio en Villanueva de la Vera (Cáceres), e o proxecto de investigación PALCOS, que desenvolve o CSIC en Galicia.

Xosé A. Touriñán explicou como naceu o festival e cal foi a súa evolución. “Os superheroes cómicos comezamos cunha noite de monólogos no 2014 para recuperar cartos para pagar ás orquestras do ano anterior, e xa quedamos” -contou sobre como se xestou a actual noite de comedia que cada ano enche a polideportiva de Castelo. Tamén falou dos grandes protagonistas do festival, a xente maior: “Son os grandes mestres de todo o que buscamos agora, o respecto ao entorno, o aproveitamento dos recursos… Será a última xeración que viviu dunha forma á que xa non imos volver, e temos que escoitalos”.

Na conversa, que moderou a historiadora da arte Inés de Egaña, falouse de como as festas permiten espazos de encontro para persoas que doutro xeito non ten ocasión de compartir tempo cos seus veciños e veciñas, e da importancia da interxeracionalidade para que sexan tamén lugares óptimos para a transmisión da tradición oral.

Os representantes dos proxectos escollidos para a mesa fixeron ademais unha reflexión sobre o futuro da cultura. Touriñán apuntou á importacia de “facer”. “Se todas e todos facemos cousas, nos nosos lugares, coa xente que nos rodea, axudaremos mellor que de ningún outro xeito a facer un mundo mellor” -dixo. Referiuse tamén á importancia de que as iniciativas culturais teñan unha menor dependencia das institucións, apuntando que “debemos conseguir é que sexan os políticos os que veñan vernos para financiar os nosos proxectos, e que non teñamos que estar nós pedíndolles.”

O Castelo Conta estivo tamén representado no espazo expositivo do X Encontro Cultura y Ciudadanía durante as tres xornadas, que visitou onte o Ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e onde o martes tivo lugar unha visita medidada na que participou o responsable de comunicación do Castelo Conta, Saúl Rivas.

Noticias relacionadas

X