Unha representación de veciñas e veciños de Castelo e membros da directiva do Castelo Conta visitou esta fin de semana o festival na parroquia de San Miguel de Sarandóns, en Vedra.
O Castelo Conta e o Pasabodeghas unen camiños cunha irmandade entre festivais do rural
O espírito do rural volve tecer pontes entre vilas e parroquias. Nesta edición, o festival Pasabodeghas acolleu como proxecto irmán ao Castelo Conta, unha iniciativa veciñal que, desde a parroquia de Castelo (Culleredo), leva máis dunha década enchendo o territorio de comedia, tradición oral e cultura.
Cada ano, Pasabodeghas promove unha irmandade cun proxecto desenvolvido no medio rural, co obxectivo de poñer en valor iniciativas que dinamizan o territorio e fortalecen o orgullo de pertenza. O vínculo co Castelo Conta nace dese mesmo espírito: o de facer do rural o epicentro da mellor cultura posible.
O encontro supón unha oportunidade para compartir experiencias, visibilizar boas prácticas e seguir construíndo unha rede de festivais que entenden a cultura como ferramenta de transformación. Tanto o Castelo Conta como o Pasabodeghas teñen en común a aposta pola participación veciñal, o coidado do entorno e o compromiso coa identidade e a lingua.
Desde as adegas da comarca da Ulla ata o Monte Xalo, ambos festivais reivindican o poder das pequenas comunidades para crear grandes cousas: espazos de encontro, de alegría e de resistencia cultural.
Esta irmandade simboliza o recoñecemento mutuo entre dúas iniciativas que, desde diferentes recunchos do país, comparten unha mesma convicción: que o rural non é un lugar que se lembra, senón un lugar que se celebra.

Unha representación do Castelo Conta visitou o sábado o Pasabodeghas
Doce membros da Asociación Cultural Castelo Conta participaron o sábado no acto de irmanamento con motivo da celebración do Pasabodeghas, onde foron recibidos por membros da directiva da Asociación Cultural San Campio, así como polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o primeiro tenente de alcalde, Manuel Costa.
Nas súas intervencións, os representantes dos dous festivais destacaron a necesidade de seguir reivindicando un rural vivo, próximo á veciñanza e capaz de facela partícipe. O acto celebrouse, de feito, na adega de Pepe da Pedreira, unha das dez que no Pasabodeghas abriron as súas portas para acoller a preto de 3000 asistentes.
