Impulsado pola Asociación Castelo Conta e co apoio da Deputación da Coruña, o proxecto naceu para recuperar e conservar a toponimia e a microtoponimia da parroquia.
‘Nomear Castelo’: recuperando os nomes para manter viva a memoria
Co tempo, moitos nomes esvaécense. As leiras, as fontes ou os camiños deixan de chamarse polo seu nome e pasan a ser “o monte de alí” ou “a casa do fondo”, e rematamos por esquecer que detrás de cada palabra hai unha historia que fala de sí mesma e da sociedade que a utilizaba.
Nomear Castelo naceu para recuperar esa memoria colectiva a través da toponimia, para devolverlle o nome ás terras, ás casas e aos recunchos da parroquia, gardando na palabra a historia viva de quen as nomeou primeiro.
A Asociación Cultural Castelo Conta desenvolver durante este 2025 unha iniciativa que busca coñecer, conservar e poñer en valor a toponimia e a microtoponimia da parroquia de Castelo, un patrimonio da nosa identidade tan cotián como esencial.
O proxecto, realizado coa colaboración da Deputación da Coruña, contou coa participación de Iván Méndez, técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, e tivo como obxectivo recoller os nomes de casas, leiras, fontes, cruceiros ou camiños que conforman a memoria do territorio.
Para iso, organizáronse diferentes roteiros participativos nos que veciñas e veciños foron guiando o percorrido mentres compartían as súas lembranzas neses lugares e o xeito no que tradicionalmente se nomeaban. Pasaron por Vilaverde, Xián, Donepedre, Castelo de Abaixo, Xalo e Folgueira.
De xeito paralelo as veciñas e veciños recibiron nas súas casas uns adhesivos cos que tiveron a oportunidade de achegar coñecemento engadido sobre os nomes dos distintos lugares, colocándoas en seis mapas colocados en distintos puntos da parroquia.
Toda a información recompilada foi posteriormente volcada nun mapa interactivo e incorporada á plataforma galicianomeada.xunta.gal, onde agora é posible consultar e preservar os nomes rexistrados. Unha vez rematada esta fase do proxecto, dos 600 topónimos rexistrados en Culleredo, máis de 300 pertencen a Castelo.
O proxecto presentouse nun acto celebrado en Vilaverde, onde Iván Méndez explicou o proceso e destacou a importancia de recuperar e valorar o noso patrimonio inmaterial, feito de palabras, lugares e historias que constrúen a identidade da parroquia.
Nomear Castelo é, en definitiva, unha homenaxe aos lugares que nos ven vivir, e un compromiso coa terra e a memoria colectiva.
