As lendas do Monte Xalo chegan ás vilas da contorna co libro de Lois Vilar

O autor e investigador Lois Vilar presenta ‘Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico’ en Carral, Cerceda e Arteixo, nunha serie de encontros que afondan na memoria, a natureza e a sabedoría popular dun dos cumios máis emblemáticos da comarca.

O Monte Xalo continúa a inspirar historias, investigacións e encontros arredor da súa identidade. Logo da súa estrea no Castelo Conta 2025, durante A tarde no monte’, o libro Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico, de Lois Vilar, inicia agora unha rolda de presentacións que levará a voz e a memoria deste espazo único a diferentes vilas da contorna.

O 6 de novembro o encontro celebrarase en Carral (Casa da Cultura, 20.00), con Manuel Ruibal e Xosé Bocixa acompañando ao autor. O 8 de novembro, a cita será en Cerceda (na taberna, 18.00), tamén con Ruibal e Bocixa, e o 14 de novembro pecharase o ciclo en Arteixo (Igrexa do Balneario, 20.00), cunha conversa entre Lois Vilar e Xabier Maceiras.

Natural de Sueiro (Culleredo), Lois Vilar é cámara de televisión e, sobre todo, un apaixonado divulgador da sabedoría popular. Leva máis de tres décadas recompilando historias, lendas, toponimia e tradicións arredor do Monte Xalo, un lugar cheo de misterio e significado compartido entre Carral, Culleredo, Cerceda e A Laracha. O seu libro recompila ese traballo paciente de investigación e memoria viva, converténdose nun testemuño esencial para comprender a relación entre o monte, as persoas e o territorio.

Monte Xalo percorre a vertente norte do cumio, onde Vilar documenta máis de quince medoñas, seis castros e sete pedras con petróglifos, ademais de fontes, brañas e penedos singulares que agochan ritos e crenzas antigas. O autor revela como a auga e as pedras foron soporte de lendas, prácticas curativas e expresións de espiritualidade que seguen a formar parte da identidade local.

O libro está dispoñible para a súa compra na tenda da web casteloconta.gal, e para todas as persoas interesadas en coñecer de primeira man o traballo de Lois Vilar e afondar nas historias, lendas e segredos do Monte Xalo, as presentacións do libro serán unha oportunidade única.

O Castelo Conta e o Pasabodeghas unen camiños cunha irmandade entre festivais do rural
Mulleres que Contan: a fase de correspondencia abre un novo espazo de reflexión
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.