As mulleres do rural pechan a primeira fase de Mulleres que Contan cun exercicio colectivo de memoria e creatividade

Os encontros desta etapa reuniron participantes de diferentes lugares de Galicia arredor das súas propias historias e relatos. A seguinte fase do proxecto centrarase na correspondencia entre elas, fortalecendo os lazos creados nos grupos.

Durante meses, mulleres de Baroña, Manzaneda, Paradela e Triacastela compartiron reflexións, lembranzas e creacións propias nos encontros de Mulleres que Contan, guiadas por Hadriana Casla. Esta primeira fase remata cun exercicio de memoria e palabra que dá paso a unha nova etapa centrada na correspondencia entre elas.

A primeira fase do proxecto chega ao seu remate despois de varios meses de encontros nos que as mulleres participantes de Baroña (Porto do Son), Manzaneda, Paradela e Triacastela compartiron experiencias, lembranzas e creacións propias. Un proceso no que, guiadas pola directora Hadriana Casla, deron un paso máis na súa exploración da palabra e da memoria, transformando o diálogo en espazo de creación colectiva.

Os encontros desenvolvéronse como sesións de confianza e comunidade, nas que as mulleres de cada concello foron consolidando grupo e vínculos. Nalgúns casos, tamén se celebraron encontros abertos entre diferentes territorios, que serviron para compartir pensamentos, emocións e reflexións arredor do coidado, da vida no rural e do propio acto de contar. A presentación do proxecto, durante o festival Castelo Conta, foi o primeiro momento no que as participantes dos catro concellos puideron coñecerse entre elas e recoñecerse tamén como parte dunha mesma rede.

As actividades tiveron un impacto notable, tanto emocional como colectivo, favorecendo a creación dun espazo propio desde o que reforzar a voz e a presenza das mulleres no rural. Tal e como explica Hadriana Casla, “os encontros finais foron especialmente potentes, porque cada participante tivo a oportunidade de traer unha historia (propia ou inventada) para compartir co grupo. O máis interesante foi o exercicio de buscar, escribir e contar en primeira persoa”.

Casla salienta tamén o ambiente afectivo e festivo que se xerou en cada un dos lugares: “Moitas trouxeron doces e merendas para compartir, e en lugares como Manzaneda incluso comezaron a organizarse de maneira autónoma para continuar coas reunións entre elas”.

Esta primeira fase pecha un ciclo de encontros presenciais e dá paso a unha nova etapa centrada na correspondencia, na que as mulleres participantes manterán o contacto a través de distintos canais de comunicación. O obxectivo é seguir fortalecendo a rede de confianza e apoio mutuo que se foi tecendo durante o proceso, consolidando un espazo no que, incluso na distancia, as mulleres do rural poidan seguir contándose e escoitándose.

Mulleres que Contan é un proxecto de cooperación impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Miño-Ulla, Ribeira Sacra-Courel e Deloa, en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta, financiado polo FEADER no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).

Cando coidamos, cando nos coidan
‘Nomear Castelo’: recuperando os nomes para manter viva a memoria
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.