Nace ‘Mulleres que contan’: as mulleres de Castelo exportan o seu documental colaborativo

Catro grupos de Baroña (Porto do Son), Manzaneda, Triacastela e Paradela participarán durante todo un ano nesta iniciativa, promovida por distintos Grupos de Desenvolvemento Rural en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta.

Logo do éxito do proxecto Mulleres de Castelo, o documental dirixido por Hadriana Casla e no que participou un grupo de mulleres da parroquia, estreado o pasado ano, a Asociación Cultural Castelo Conta pon en marcha da man dos Grupos de Desenvolvemento Rural Deloa, Ribeira Sacra-Courel, Miño-Ulla e Sil-Bibei-Navea a iniciativa Mulleres que contan.

Trátase da continuación da experiencia iniciada en Castelo no 2023 que buscaba facer protagonistas ás mulleres maiores do rural, poñendo no centro da conversa as súas reflexións máis íntimas sobre o envellecemento, o sistema de coidados, ou as súas motivacións para afrontar o día a día. A través de distintas sesións con Hadriana Casla, de entrevistas e de traballo individual gravando distintos materiais audiovisuais cos seus teléfonos móbiles conformouse un filme estreado na pasada edición do festival Castelo Conta.

A Asociación Cultural Castelo Conta busca agora replicar o proxecto en distintos puntos de Galicia, co obxectivo de tecer unha rede de mulleres e promover o contacto entre grupos de diferentes localidades.

Nestas semanas, as mulleres de Castelo que participaron no proxecto viaxaron ata Baroña (Porto do Son), Manzaneda, Triacastela e Paradela, acompañadas de Xosé A. Touriñán e Hadriana Casla, para presentar Mulleres que contan e convidar ás mulleres destes lugares a sumarse á iniciativa.

Está previsto que no marco do festival Castelo Conta deste ano se celebre un encontro conxunto dos diferentes grupos, que servirá tamén para presentar o proxecto, financiado co Feader no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).

Máis Enerxía: a luz que transforma o escenario
Clínica Pardiñas: o sorriso como sinal de identidade
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.