Mulleres que Contan: a fase de correspondencia abre un novo espazo de reflexión

O proxecto inicia a súa segunda fase, centrada na correspondencia audiovisual entre as mulleres do rural. Entre decembro de 2025 e marzo de 2026, esta etapa permitirá compartir experiencias, reflexionar sobre os coidados e manter viva a rede de apoio creada nos obradoiros presenciais.

Tras unha primeira fase composta por catro obradoiros presenciais e un encontro conxunto, o proxecto Mulleres que Contan entra agora nunha etapa de traballo autónomo que marcará a continuidade das redes entre mulleres de Baroña, Manzaneda, Triacastela e Paradela. Esta segunda fase, coordinada pola directora, Hadriana Casla, do colectivo GRIGRI, propón un intercambio de correspondencia audiovisual a través dun grupo de WhatsApp, no que as participantes poderán compartir vídeos e audios respondendo a preguntas centradas nos coidados, a vida en comunidade e o envellecemento compartido.

Entre decembro de 2025 e marzo de 2026, as mulleres explorarán cuestións fundamentais como: Como queremos coidar e ser coidadas? ou Como, onde e con quen nos gustaría envellecer? A través destas conversas dixitais, o proxecto busca reforzar o coñecemento mutuo, alimentar a reflexión colectiva e manter viva a rede que se iniciou nos encontros presenciais, consolidando un espazo seguro para a expresión e o recoñecemento das experiencias de cada participante.

Esta fase de correspondencia audiovisual complementa e prolonga o traballo dos obradoiros, permitindo que as mulleres continúen conectadas, compartan vivencias e se apoien unhas a outras mesmo cando non se atopan fisicamente. Así, Mulleres que Contan segue fortalecendo a comunidade, promovendo o diálogo interxeracional e visibilizando a importancia do coidado como práctica vital, social e política.

O proxecto continuará na primavera coa terceira fase de obradoiros presenciais, pechando un ciclo que ten como eixo central o fortalecemento de vínculos, a creación de redes de apoio e o recoñecemento da voz das mulleres do rural galego.

Mulleres que Contan é unha iniciativa promovida polos Grupos de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Miño Ulla, Ribeira Sacra-Courel e Asociación DELOA, en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta, e financiada polo FEADER no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).

As lendas do Monte Xalo chegan ás vilas da contorna co libro de Lois Vilar
Bancos ou tarimas de madeira sostible para multiplicar a actividade da asociación
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.