‘Mulleres que Contan’ chega a Vedra da man do proxecto ‘A Lacena Pequena’
O documental proxectarase esta tarde en Ponte Ulla, na primeira parada do proxecto itinerante de Ainé e E-ló? D Arquitectura, despois de dúas conversas arredor das mulleres e os coidados.
Hai apenas unhas semanas, as voces de Baroña, Vilaño, A Illa de Arousa, Taboada, Triacastela e Manzaneda reuníanse por primeira vez nunha única película. O pasado 27 de agosto, Mulleres que Contan estreábase no Festival Castelo Conta, despois de máis dun ano de encontros, conversas e gravacións arredor dos coidados, a memoria e as experiencias vitais das mulleres participantes.
Esta tarde, o documental continúa o seu percorrido e volve á pantalla por primeira vez desde aquela estrea. Faino en Ponte Ulla (Vedra), no marco da primeira parada de A Lacena Pequena, nunha xornada que pon precisamente as mulleres e os coidados no centro.
A programación comezará ás 19.30 coa conversa Mulleres que enchen lacenas, con Chío, Fina Guitián, Patricia Martínez e Pura Seoane. Ás 20.15, Hadriana Casla, directora de Mulleres que Contan, participará xunto a Mulleres Rurais de Vedra e Mulleres que Contan na conversa Os coidados que necesitamos. Ás 21.00, chegará a proxección do documental.
A chegada de Mulleres que Contan a Vedra continúa así unha historia que comezou moito antes de que existise a película. O proxecto naceu coa vontade de crear espazos nos que as mulleres do rural puidesen encontrarse, falar e compartir as súas propias experiencias. Durante máis dun ano, eses encontros serviron para falar dos coidados, das responsabilidades asumidas ao longo das súas vidas, da memoria e tamén da necesidade de reservar espazo para si mesmas.
O audiovisual foi a ferramenta para recoller parte desas historias, pero o proceso foi tamén un espazo de encontro e de reflexión. Antes da estrea do documental completo no Castelo Conta, cada territorio puido ver a peza creada a partir da súa propia experiencia. Así, as historias foron regresando ás comunidades nas que foran construídas antes de reunirse nunha única película.
Agora, poucas semanas despois, Mulleres que Contan chega a outro territorio rural e faino da man dun proxecto que comparte esa vontade de crear lugares para o encontro.
A Lacena Pequena é unha infraestrutura cultural móbil que se despraza por localidades galegas de menos de 5.000 habitantes para acoller concertos, exposicións, artes escénicas, obradoiros, encontros e propostas gastronómicas. A súa programación adáptase en cada parada ás características do territorio e ás persoas e iniciativas da contorna, construíndo cada percorrido a partir do lugar no que se instala.
Despois da súa experiencia piloto no Castelo Conta, onde a Lacena acolleu durante o verán diferentes actividades, o proxecto comeza agora a súa primeira ruta por Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela. Cinco localidades vinculadas ás rutas xacobeas nas que a proposta irá cambiando segundo as comunidades e os proxectos cos que se atope en cada parada.
En Ponte Ulla, esa programación está dedicada durante esta primeira xornada á memoria local, as mulleres e os coidados. A conversa e a proxección de Mulleres que Contan compartirán espazo con outras propostas que completarán a fin de semana, nas que tamén estarán presentes a creación, a música e a gastronomía.
É precisamente nese encontro onde se cruzan os dous proxectos. Mulleres que Contan percorre o territorio a través das historias das súas protagonistas; A Lacena Pequena desprázase por el para crear novos espazos onde esas e outras historias poidan ser contadas.
E así, Mulleres que Contan continúa o seu camiño.
