Detrás desta outra volta á festa

Empresas, entidades e institucións que acompañaron esta edición e que, desde diferentes ámbitos, contribuíron a facer posible a programación do festival.

Unha parte importante do que acontece no Castelo Conta sucede porque hai empresas, entidades e institucións que deciden acompañarnos cada ano. Algunhas levan xa varias edicións ao noso lado; outras foron sumándose co tempo e incorporándose pouco a pouco á vida do festival.

Cada colaboración ten a súa propia maneira de estar presente en Castelo: na Taberna, nos concertos, na programación para a cativada, nunha actividade concreta ou mesmo detrás dalgúns detalles que axudan a que todo estea a punto. Son achegas que forman parte da organización da festa e que fan posible que moitas das cousas que pasan durante a semana poidan suceder.

Este ano, Estrella Galicia, Cabreiroá, Deleite, Clínica Pardiñas, Méndez-Rojo, Cafés Lúa, Máis Enerxía e Cartón Atlántica volveron acompañarnos. Estrella Galicia estivo na Taberna e nas barras, e levou tamén ata Castelo unha cata a cegas e a presentación do Huebox en A Lacena Pequena. Cabreiroá estivo presente nas mañás de Xente Miúda e Deleite acompañou tanto a Taberna como os almorzos da programación infantil.

Outras colaboracións apareceron ligadas a momentos máis concretos. Méndez-Rojo e Cafés Lúa organizaron as súas respectivas catas na programación previa e acompañaron despois a actividade da Taberna e das barras. Máis Enerxía estivo detrás da iluminación dos espazos e acompañounos tamén na eclipse total de sol en agosto. Clínica Pardiñas deu forma a diferentes contidos do festival a través de Coa palabra na boca. E Cartón Atlántica facilitou os funxibles de papel e cartón empregados nos xantares e ceas.

Tamén houbo quen deixou a súa pegada en momentos moi determinados da semana. Alvac puxo as plantas que acompañaron as mesas durante a estrea de Mulleres que Contan; a FAXPG facilitou a interpretación en lingua de signos na Noite do Castelo Conta; e Ecos do Sur e a Asociación Parkinson Galicia participaron en diferentes propostas da programación.

En todos estes casos, a relación co festival parte de lugares distintos. Hai produtos, coñecementos, servizos, persoas e proxectos que encaixan en actividades concretas e que permiten que estas se desenvolvan como estaban pensadas. Esa é tamén unha das razóns polas que procuramos que as colaboracións entendan e conecten co que acontece en Castelo e co territorio no que se desenvolve o festival.

A esta rede sumáronse tamén as institucións que apoiaron a edición: o Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, a través de Xacobeo 2027.

Ao final, detrás dunha semana de programación hai moito máis do que se ve desde o escenario. Hai quen pon un produto, quen achega un servizo, quen facilita un espazo ou quen fai posible que unha actividade saia adiante. Grazas a todas as empresas, entidades e institucións que nos acompañaron nesta décimo primeira edición e que fixeron parte, á súa maneira, desta outra volta á festa.

‘Mulleres que Contan’ chega a Vedra da man do proxecto ‘A Lacena Pequena’
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.