‘Mulleres en Rede’: unha xornada de memoria e creación na Illa de Arousa

A presentación reuniu ás mulleres participantes nun encontro marcado polas memorias, os coidados e a creación dunha rede colaborativa arredor da vida no rural galego.

O Centro de Interpretación das Conservas da Illa de Arousa acolleu o xoves 27 de novembro a presentación de Mulleres en Rede, un proxecto promovido pola Asociación Cultural Castelo Conta e o Colectivo Grigri, en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.

O acto contou coa benvida de Luis Arosa García, alcalde da Illa de Arousa, que destacou a importancia das mulleres na vida económica e social da illa, e coa intervención de Xosé A. Touriñán, en representación da Asociación Cultural Castelo Conta, quen subliñou a relevancia de proxectos que recollen, gardan e poñen en valor a memoria das mulleres do rural. Hadriana Casla, directora do proxecto e integrante do Colectivo Grigri, explicou o obxectivo de Mulleres en Rede: fortalecer redes de apoio, reflexionar sobre os coidados e crear un arquivo audiovisual colaborativo que permitirá preservar e as voces e perspectivas das participantes. Pola súa banda, María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade, fixo fincapé na necesidade de espazos seguros para escoitar, compartir e reivindicar a experiencia das mulleres maiores.

Ademais de contar coas protagonistas de Mulleres en Rede, da Illa de Arousa e de Vilaño (A Laracha), tamén estiveron presentes as compañeiras de Castelo (Culleredo), precursoras da iniciativa co documental Mulleres de Castelo.

Tras as intervencións, celebrouse unha sesión conxunta na que todas as asistentes puideron poñer en común un obxecto persoal ligado a unha lembranza significativa. Un exercicio que combinou memoria, creatividade e emoción e que serviu para tecer vínculos entre diferentes territorios. Entre risas, lembranzas e reflexións sobre o paso do tempo, os coidados e o envellecemento, as participantes puideron sentir en primeira persoa a potencia transformadora de poñer a palabra e a experiencia no centro dunha comunidade.

Un documental en desenvolvemento

A presentación formou parte do proceso de creación da longametraxe Mulleres en Rede, actualmente en desenvolvemento. O filme reunirá mulleres de diferentes puntos de Galicia nun exercicio colectivo de memoria, pensamento e proxección arredor dos coidados, poñendo en valor a súa potencia transformadora.

Financiado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, o proxecto continúa ampliando unha rede galega de mulleres, memoria e coidados que comezou en Castelo no verán de 2023 e que hoxe segue expandíndose a novos territorios.

O proceso continuará ao longo de 2026, e está prevista a súa estrea durante a próxima edición do festival Castelo Conta.

A Illa de Arousa acolle a presentación de Mulleres en Rede este xoves
Xornada sobre servizos ecosistémicos e novas oportunidades para o monte
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.