‘Mulleres de Castelo’ suma tres seleccións en festivais de cinema documental

O documental colaborativo dirixido por Hadriana Casla vén de ser seleccionado en festivais de Brasil, Suecia e India, reforzando o seu percorrido internacional e o valor das historias compartidas polas veciñas de Castelo.

Mulleres de Castelo, o documental estreado no marco da novena edición do Castelo Conta, continúa ampliando o seu percorrido máis alá de Galicia coa súa selección en tres festivais internacionais de cinema documental. A película formará parte da programación do Festival of Social and Environmental Cinema PLANET.Doc (Santa Catarina, Brasil), do Luleå International Film Festival (Luleå, Suecia) e do Atom Docfest (Ooty, India), tres citas que recoñecen propostas audiovisuais comprometidas co territorio, a memoria e as realidades sociais.

Dirixido por Hadriana Casla, o documental nace como un proxecto colaborativo xunto ás veciñas máis maiores da aldea de Castelo, en Culleredo (A Coruña), e configúrase, antes que nada, como un espazo de encontro entre mulleres. A través da palabra, a imaxe e o son, a película aborda cuestións ligadas ao benestar, aos desexos, ás perdas, aos cambios vitais e ao paso do tempo, poñendo o foco nas accións cotiás e no valor de compartir.

Mulleres de Castelo foi tamén o proxecto semente do que xurdiron outras iniciativas como Mulleres que Contan e Mulleres en Rede, propostas que continúan en desenvolvemento e que manteñen o mesmo obxectivo: crear rede e dar voz ás mulleres maiores do rural galego.

O documental estreouse no marco do Castelo Conta 2024, coa presenza das propias protagonistas, convertendo a proxección nun acto compartido. A Eira do Ferrador foi así o espazo no que hai dous veráns se presentou por primeira vez un traballo que agora inicia un percorrido internacional levando consigo as historias de Julia Reboredo Grela, Maruxa Martínez, Rosa de Seijo, Maruja Sanchez, María Concheiro, Pilar Torreiro Grela, Mercedes García, Pilar Rodríguez, María de Sánchez, María José Cañas, Esther Pardo Vecino, Carmen Marta e Pepita.

Estas seleccións supoñen un novo paso na difusión dun proxecto que reivindica o valor da memoria, da palabra e da creación colectiva, situando as voces das mulleres de Castelo nun contexto audiovisual global.

Xornada sobre servizos ecosistémicos e novas oportunidades para o monte
A castaña galega, protagonista dunha charla informativa en Castelo
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.