O Centro Social de Castelo acollerá mañá unha charla sobre a Marca de Calidade IXP Castaña de Galicia, unha oportunidade para achegar información clave á veciñanza sobre o cultivo, o coidado e o valor da castaña como recurso ambiental e produtivo.
A castaña galega, protagonista dunha charla informativa en Castelo
Mañá mércores 14 de xaneiro, ás 18.00, o Centro Social de Castelo acollerá a charla ‘A Marca de Calidade IXP Castaña de Galicia’, unha actividade aberta á veciñanza (e a calquera que se queira achegar) organizada pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia coa promoción da Xunta de Galicia.
A sesión nace coa vontade de achegar información básica e accesible sobre o cultivo do castiñeiro e o valor da castaña galega, poñendo o foco nas boas prácticas, no coñecemento do territorio e na importancia de apostar polas especies autóctonas. Máis alá dunha formación técnica especializada, a charla pretende ofrecer unha visión xeral que axude a comprender que tipo de castiñeiro se adapta mellor a cada zona, segundo factores como o terreo, a altitude ou a humidade, e que posibilidades existen para o seu aproveitamento, tanto a nivel ambiental como produtivo.
Neste contexto, a variedade castanea sativa, propia de Galicia e amparada pola Indicación Xeográfica Protexida, ocupa un lugar central. Trátase dun recurso de grande valor ecolóxico e cultural, fronte a outras variedades, como a híbrida, que non entran dentro da IXP. O coñecemento destas diferenzas resulta clave á hora de coidar os soutos existentes ou de iniciar novas plantacións con criterios axeitados.
A charla cobra especial relevancia en Castelo, onde a relación coa terra e co monte forma parte da identidade da comunidade. O pasado verán, a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos colaborou co Castelo Conta e coa Comunidade de Montes nos traballos de poda e mantemento dos castiñeiros do Monte Xalo, unha intervención que non só mellorou o aspecto do espazo, senón tamén a súa saúde forestal, aplicando boas prácticas como a correcta desinfección das feridas das árbores tras a poda.
Desde a Asociación destacan a importancia de seguir divulgando información e fomentando a formación arredor do castiñeiro, unha árbore fundamental para o equilibrio ambiental, para a produción de alimento de calidade e para a vida no rural. Iniciativas como esta charla buscan animar á veciñanza a coñecer mellor o potencial da castaña galega e a entender o monte como un espazo vivo que cómpre coidar e valorar.
A actividade de mañá preséntase así como unha oportunidade para continuar fortalecendo ese vínculo entre comunidade, territorio e coñecemento, poñendo en común experiencias e abrindo camiños para o futuro dos montes do noso país.
