O documental, nacido como un proxecto comunitario entre veciñas da parroquia de Castelo, demostra a forza da memoria e da palabra para conectar realidades máis alá das fronteiras.
‘Mulleres de Castelo’ continúa o seu percorrido internacional cunha nova selección
Mulleres de Castelo vén de sumar unha nova selección internacional coa súa presenza no SANFICI (Santander International Film Festival), en Colombia. O documental formará parte da programación deste festival cun marcado enfoque social e comunitario, engadindo así un novo destino ao seu percorrido fóra de Galicia.
O SANFICI é unha cita que pon o foco en obras que dialogan coa realidade das persoas, coas memorias colectivas, coas desigualdades e cos procesos comunitarios. Nese contexto, a presenza de Mulleres de Castelo cobra un significado especial: un proxecto nacido nunha pequena aldea galega atopando eco nun espazo que entende o cinema como ferramenta para visibilizar historias próximas, humanas e necesarias.
Con esta selección en Colombia, o documental consolida un camiño internacional que xa o levou por Brasil, Suecia e India, atravesando Europa, Asia e América Latina. Sen facer ruído nin buscar grandes escaparates, a película foi abrindo camiños fóra de Galicia, confirmando que os contidos feitos aquí tamén poden viaxar lonxe cando conectan con algo esencial.
Mulleres de Castelo naceu sen pretensións industriais nin estratéxicas. Xurdiu como un espazo de encontro entre veciñas dunha parroquia de Culleredo, coa vontade de tecer lazos, compartir tempo, recuperar redes de apoio e poñer en valor a palabra, a experiencia e a memoria das mulleres maiores do rural. A cámara chegou a este espazo como unha forma de gardar e acompañar ese proceso.
O documental estreouse nun contexto íntimo e simbólico: o festival Castelo Conta 2024, organizado na propia parroquia, coa presenza das protagonistas e da veciñanza. Aquel primeiro pase foi máis un acto comunitario ca unha estrea ao uso. E, porén, esa historia local está agora a circular por festivais de distintos continentes.
Que un proxecto así chegue a outros lugares fala non só de cinema, senón da forza que teñen as historias cando parten do real e do próximo. Fala tamén de como as situacións cotiás dun lugar, o paso do tempo, os coidados, a vida no rural, o papel das mulleres, a importancia da comunidade, poden ser recoñecidas e compartidas noutros contextos moi distintos.
Este percorrido, en boa medida inesperado, confirma algo que ás veces esquecemos: que paga a pena apostar polos contidos feitos aquí, polas voces que temos ao lado e polas historias que nunca nos paramos a escoitar con tempo.
A selección no SANFICI convértese así nun novo chanzo para Mulleres de Castelo e nunha nova vida para esta historia. Un recordatorio de que a memoria, a palabra e a creación colectiva seguen a ser pontes poderosas entre territorios, culturas e persoas.
