E que traballo lle vai dar?

De que se pode falar un día de verán con trinta e cinco graos á sombra? Pois de traballo, mesmamente. Tamén de como este e a vida na súa totalidade foron cambiando segundo o facían as tecnoloxías. A xente de Castelo ten moito que dicir porque bos traballos pasaron. Para guiar a conversa deste segundo día destes Contos de Castelo, estiveron os xornalistas deportivos Moncho Viña e Alfonso Hermida, quen compartiron micrófono na Radio Nacional nos “mellores momentos do Dépor”, nuns anos 80 de moito que contar no deporte profesional galego. Nesta tarde volven falar xuntos, desta vez polo radiotransmisor máis especial: o do Castelo Conta.

A especialización do traballo é un signo destes tempos, pero antes tamén había unha boa variedade de quefaceres. Elisardo agora “anda pola casa”, pero antes foi carpinteiro, un oficio co que ningún dos seus descendentes continuou. A familia de Ana da Peneda era unha familia de taberneiros, un lugar que ben se podería considerar “o Sálvame Deluxe rural”, como ela mesma dixo. Cefelino foi camareiro e cociñeiro por Alemaña e Reino Unido; agora afíxose á xubilación “de marabilla” e “dálle ás leiras como hobby”. Ramiro cargaba camións de leña e acabou enganado na República Dominicana nunha historia que merece, xa non un artigo, unha película. Maruja xuntaba o leite polas casas, aínda que din por aí que tamén “che bailaba moi ben”. Despois, acabou na Coruña limpando portais, oficinas e de todo. Cando lle preguntan por se tiña vacacións ela di: “esas vinas agora cando me retirei, que dixen: ‘fóra, acabouse o choio'”. En Castelo ata tiñan un xastre que traballaba na Coruña, “facéndolle a competencia a Amancio”.

Outra muller que pasou polos Contos e que se dedica aos “traballos de antes” é Elena Ferro, “zoqueira de éxito”, como a describiron os presentadores. Seu pai máis súa tía aprenderan do avó, e ela fíxoo asemade deles. Co primeiro par de zocos que confeccionou, Elena só xuntaba once anos; agora Eferro fabrica do mesmo xeito tradicional uns 6.000 ou 7.000 ao ano. Manter aberto un taller como o da súa familia significou unha gran capacidade de adaptación a todos os cambios que viviu e segue a vivir a nosa sociedade, comezando polo propio uso do zoco que pasou de ser “un calzado de necesidade” a unha elección estética.

Todo mudou é unha forma de dicir que todo segue de forma distinta. O ceo de Castelo non se moveu pero por aló enriba pasan agora avións camiño de Alvedro, coma a anécdota familiar de Xoel López que inspirou a canción Paxaro do demo, na que dous nenos vían por primeira vez o aparello e pensaron que era unha ave que viña facer o mal. Outras novidades que chegaban hai tempo a Castelo para converterse en cotidiandade foron a radio e a televisión, cuxa porta de entrada era sempre a taberna. Arredor da caixa de imaxes —que de cando en vez “se achicaban porque faltaba luz”— para ver programas coma o de Coros y danzas de España da Sección Femenina ou a visita do Papa a Fátima. Despois chegou a vitoria eurovisiva de Massiel ou o programa Un, dos, tres… responda otra vez.

Ás veces, especialmente agora, a vida semella ser os traballos que se pasan. Os ritmos mudaron, igual que a comunidade que se crea arredor deles, pero tamén a dureza do traballo. O camiño dos que chegamos agora comeza onde nolo deixaron os de atrás. Todo o que hai que agradecer é do que aquí se falou.

X