A aplicación Monte Xalo, entre os sete proxectos finalistas de MetaHeritage

O proxecto Aranguelos, desenvolvido a partir da aplicación Monte Xalo, foi seleccionado entre os sete finalistas da convocatoria europea de MetaHeritage sobre patrimonio dixital, tecnoloxías inmersivas e turismo cultural.

MetaHeritage reuniu nesta fase final proxectos de diferentes países que traballan na intersección entre patrimonio, innovación dixital e novas formas de coñecer e experimentar o territorio. O pasado 5 de outubro, os sete finalistas presentaron as súas propostas ante unha audiencia internacional de investidores, axentes de innovación e potenciais socios estratéxicos.

Entre eles estivo Aranguelos, o proxecto no que se integra a aplicación Monte Xalo, unha ferramenta creada desde o tecido asociativo de Castelo para reunir nun mesmo espazo dixital rutas, natureza e historia, memoria e información sobre o territorio.

A aplicación naceu co obxectivo de achegar o monte a todas as persoas e aprender do lugar mentres se percorre. O mapa interactivo permite localizar puntos de interese e seguir diferentes percorridos, mentres que a xeolocalización achega información contextualizada sobre aquilo que aparece ao longo do camiño. A proposta combina así a dimensión práctica dunha aplicación para quen visita ou percorre o Xalo coa vontade de contar tamén o que hai detrás de cada lugar.

A través de Monte Xalo, é posible descubrir elementos como a Torre de Celas, a Fonte das Meigas, a Pedra Casarula ou a Mámoa da Chan do Castelo, pero tamén acceder a contidos relacionados coa natureza, a memoria e a tradición oral. O territorio convértese así no punto de partida dunha experiencia dixital que non separa patrimonio natural e cultural, senón que os presenta como o conxunto de herdanzas que a historia foi deixando nese lugar.

O proxecto está impulsado pola Asociación Cultural Castelo Conta e a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, producido por Undodez e desenvolvido por Bjäland Technologies, dentro das axudas de dixitalización de Última Milla para o sector turístico financiadas pola Unión Europea – NextGeneration EU.

A selección de Aranguelos sitúa agora este proxecto local nun contexto moito máis amplo. A convocatoria de MetaHeritage buscaba identificar iniciativas con capacidade para aplicar a innovación dixital ao patrimonio e ao turismo cultural, ofrecendo ás propostas seleccionadas un proceso de preparación orientado tamén a mellorar a súa capacidade para presentar o proxecto ante investidores e potenciais colaboradores.

Tras unha primeira fase de avaliación, sete proxectos chegaron ao Pitching Showcase final, procedentes de ámbitos moi diversos entre si. Aranguelos foi seleccionado xunto a MuseMind, Talking Paintings, TUNTU, ASTERIAE, Zoomguide e ART Out of The Frame.

Para un proxecto coma o noso, esta selección permite poñer o foco nunha maneira de traballar coa tecnoloxía que parte da intención de empregar o dixital para coñecer mellor o territorio que xa existe, facelo máis accesible e facilitar que as súas historias e os seus camiños poidan chegar a máis persoas.

A presenza de Aranguelos na final de MetaHeritage supón así un paso máis para o noso monte.

Detrás desta outra volta á festa
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.