Avanza o proxecto de cooperación ‘Mulleres que contan’ en Baroña, Manzaneda, Triacastela e Paradela

A iniciativa promovida polos Grupos de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Miño Ulla, Ribeira Sacra-Courel e Deloa en colaboración co Castelo Conta achégase ao final da primeira fase de obradoiros logo de varias xornadas de actividades relacionadas coa linguaxe fotográfica ou a simboloxía.

Catro grupos de mulleres de Baroña (Porto do Son), Manzaneda, Triacastela e Paradela participan desde principios de agosto no proxecto de cooperación intraterritorial Mulleres que contan, dirixido por Hadriana Casla, do Colectivo Grigri, e que é continuación da iniciativa Mulleres de Castelo, que o Castelo Conta puxo en marcha no verán do 2023.

Durante a segunda metade do verán as participantes participaron en diferentes sesións nas que tiveron ocasión de reflexionar ao redor de pezas audiovisuais de distintas cineastas, realizaron exercicios de dramaturxia, exploraron a definición de diferentes palabras e traballaron sobre a simboloxía.

A finais de agosto tiveron ocasión de atoparse en Castelo, nunha sesión conxunta na aldea de Xalo, que serviu tamén para a presentación pública do proxecto a cargo das distintas entidades promotoras.

A iniciativa busca fomentar as relacións sociais, a cooperación e o fortalecemento de redes de apoio entre mulleres rurais, a través do intercambio de coñecementos, experiencias e a creación de espazos de conversación e reflexión, co fin de reducir as soidades e empoderar ás participantes.

Ao remate destas primeiras sesións os grupos de mulleres manteranse en contacto durante os meses de outono e inverno, para retomar os obradoiros a partir do mes de maio.

Mulleres que contan é un proxecto de cooperación impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural: Asociación para o Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Asociación Miño Ulla, GDR Ribeira Sacra-Courel e Asociación Deloa, en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta, financiado polo FEADER no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027) 

Coidando do Monte Xalo coa Asociación Galega das Castañas e dos Soutos
A tradición zoqueira, presente no Castelo Conta da man de Eferro
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.