A tradición zoqueira, presente no Castelo Conta da man de Eferro

Na décima edición do Castelo Conta contamos coa complicidade de Elena Ferro, zoqueira de terceira xeración e alma da marca Eferro. Os seus zocos, convertidos en símbolo de identidade e celebración, estiveron moi presentes durante o festival.

O Castelo Conta naceu co propósito de poñer en valor a cultura galega, a tradición e a comunidade. Neste camiño, é unha honra poder contar co apoio e amizade de proxectos como o de Elena Ferro, zoqueira de profesión e creadora de Eferro, unha marca que conseguiu reinventar un oficio tradicional e convertelo nun referente contemporáneo.

Durante os dez días do festival, os zocos de Eferro acompañaron algúns dos momentos máis especiais. Nos Vermús na Taberna, cada cociñeiro convidado levou un zoquiño como recordo e agradecemento pola súa participación, detalle que converteu un agasallo en símbolo de recoñecemento.

Tamén na Gala dos dez anos, celebrada a noite do vinte e oito de agosto, deixamos paso aos zocos, entregados como premio aos veciños e veciñas, protagonistas daquela noite. Foi un xesto que resumiu á perfección a identidade do Castelo Conta: celebrar o que somos a través da tradición, e sen deixala atrás.

A colaboración de Elena Ferro co festival vai máis alá dun xesto. O seu apoio puxo en común unha forma de entender a cultura baseada na memoria, no traballo artesanal e na comunidade.

Eferro mantén vivo un oficio transmitido de xeración en xeración, traballando con madeira de ameneiro e coiro para crear zocos que combinan tradición e deseño contemporáneo. Este labor foi recoñecido con galardóns como o Premio Artesanía Contemporánea Antón Fraguas en 2010 e o Premio Nacional de Artesanía en 2019.

Ademais, a marca impulsa iniciativas culturais como a Eferro Foliada en Merza, que xa se converteu nunha cita destacada do calendario estival galego e que demostra que a tradición non só se conserva, tamén se celebra.

Por todo isto, Eferro e o Castelo Conta son proxectos amigos. Ambos comparten a vontade de coidar o que nos define, darlle continuidade e construír comunidade arredor da cultura. O apoio mutuo permítenos crecer, manter viva a tradición e celebrar quen somos, sempre coa alegría de facelo xuntos.

Avanza o proxecto de cooperación ‘Mulleres que contan’ en Baroña, Manzaneda, Triacastela e Paradela
Comer no Castelo Conta… e despois: unha ruta para seguir gozando dos sabores que nos acompañaron
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.