As Mulleres de Taboada: aprender a vivir celebrando
Inés, Cruz, Loli, Milucha, Segunda e Merche reúnense nun novo encontro de ‘Mulleres que Contan’, marcado pola alegría de estar xuntas, a memoria e o valor de tradicións como a queima das fachas. Entre risas, historias e coidados, constrúese un espazo de celebración do vivido.

Hai días que parecen pedir recollerse, quedar ao abeiro da calor e deixar pasar as horas amodo. Pero ás veces, mesmo neses días, abonda con abrir unha porta para que todo cambie. Iso foi o que pasou na antiga escola de Taboada, hoxe reconvertida nun lugar de encontro onde o frío non é máis que algo que queda fóra.
Non hai que forzar moito para que a conversa arranque. As voces mestúranse con naturalidade, como quen retoma algo que nunca se chegou a interromper. Porque en realidade, elas xa se ven, xa comparten tempo. Aquí hai un matiz distinto: máis alá da proposta, hai intención, e iso dá lugar a outro tipo de escoita.
A sesión comeza co corpo en movemento, entre música e xestos que van soltando pouco a pouco as vergonzas. Hai quen se lanza antes, quen aturuxa sen pensalo, quen observa desde máis atrás ata atopar o seu sitio. As máis decididas tiran das outras, e así, sen darse conta, a sala énchese de pequenas escenas: ir á horta, cociñar, bailar, facer o indio. A vida, en resumo, convertida en xesto.
O ambiente mantense lixeiro tamén cando pasan á escrita. As cartas non se viven como un exercicio pesado, senón como unha extensión máis da conversa. Hai quen necesita apartarse un pouco, ‘para inspirarse’, e quen escribe case sen levantar a cabeza. Despois, as palabras volven ao grupo.


Nas historias aparecen vidas longas e intensas, pero contadas sen dramatismo. Inés lembra unha infancia sen apenas recursos, onde a creatividade suplía a falta de xoguetes. ‘Eramos felices e non o sabiamos’, di, abrindo unha porta á súa memoria. Cruz, sempre activa, fala do movemento constante dunha vida entre lugares, pero tamén dunha necesidade: ser respectada e tida en conta. Loli atópase no coidado doutra persoa, asumido non como carga, senón como vínculo. Milucha e Merche poñen palabras a etapas duras, aos coidados intensos, pero tamén ao momento actual, no que comeza a aparecer algo novo: tempo para si mesmas.
Recoñécese unha experiencia común entre todas elas: ter vivido para os demais durante moito tempo. Pero aquí non pesa tanto a queixa como a reflexión (aínda sendo ambas igual de lícitas). Falan do traballo que supón coidar, da necesidade de apoio, de que non todo recaia sempre na mesma persoa. E tamén da importancia de manter a autonomía, de non perder o control da propia vida.
Hai momentos nos que a conversa colle outro ton, máis lúdico e aberto. Lembran festas, cancións inventadas, camiños feitos en grupo antes de que o coche cambiase a maneira de relacionarse. ‘Os campos da festa enchíanse cando chegabamos nós’, din, entre risas. A felicidade aparece definida de moitas formas, pero case sempre en relación cos demais: compartir, xuntarse, cociñar, coidar, e tamén deixarse coidar.
Ese espírito continúa no resto da sesión. Implicación na escolla de imaxes, atención aos detalles, distintas formas de entender o coidado: desde a horta ata a cociña, desde o corpo ata os afectos. E, máis adiante, o manifesto, no que as ideas se poñen en común coa vontade de pronunciarse e ser escoitadas.
O peche chega cun deses xestos que non precisan moita explicación: o túnel das caricias. Un momento sinxelo, pero revelador. Hai risas, comentarios espontáneos, e tamén a certeza do ben que senta deixar de dar por un momento para ser quen recibe.
A xornada non remata aí. A mesa énchese de produtos traídos da casa: pan, queixo, embutidos, viño; e a conversa continúa, xa sen estrutura, pero co mesmo sentido. Estar xuntas e, simplemente, ocupar o espazo.


A cousa alongouse un pouco máis do previsto: entre comida e conversa, non había présa. Nese continuar foi aparecendo tamén outro dos fíos que as une fóra deste espazo: a queima das fachas. Non como algo alleo ao que acababa de pasar, senón como parte dunha experiencia vital que as conecta entre elas e coas que viñeron antes. Unha tradición que preparan, viven e lembran xuntas e que, como todo o demais, ten máis que ver co encontro que co propio ritual.
Ao falar dela, o castro fórmase case de inmediato no imaxinario: o círculo, o lume, a xente arredor. Hoxe quedan as estacas cravadas na terra, debuxando esa forma que resiste, e mesmo o cheiro a queimado que aínda se agarra ao aire. Ao fondo, a aldea. E, por riba de todo, esa sensación difícil de nomear de formar parte de algo colectivo que leva tanto tempo existindo.
Quizais por iso este encontro ten outro ritmo. Aquí non todo pasa pola intensidade nin pola revisión. Hai celebración, humor e unha calor que non vén só da cheminea (nin sequera do viño e dos chourizos da casa que trouxeron Inés e Cruz), senón das ganas de estar. E unha idea que permanece, dita doutra maneira: vivir tamén pode ser isto, seguir xuntándose, seguir rindo, seguir facendo comunidade.