As mulleres de Baroña: reivindicar para coidar
María, Dorita, Moncha, Cipriana, Carmen, Josefa, Consuelo e María Rosa reencóntranse na terceira fase de ‘Mulleres que Contan’, nun espazo aberto onde a reivindicación colle protagonismo.

En Baroña, o reencontro de Mulleres que Contan ten unha enerxía particular. O espazo, no alto e coa vista aberta ao mar, convértese no escenario perfecto para o momento que están a piques de vivir. A sesión non se entende tanto como un peche, senón como un punto de inflexión. As participantes non só revisan o proceso: reinterpretan, cuestionan e, sobre todo, toman posición.
A sesión estrutúrase arredor de tres momentos: a lectura das cartas, a construción dun manifesto dos coidados e a selección de imaxes para o documental. Tres formas distintas de facer o mesmo: poñer en común o vivido e decidir como queren contalo.
As cartas funcionan como punto de partida. A través delas, as mulleres volven sobre as súas historias, repasando vidas marcadas polo traballo, pola familia e por unha responsabilidade asumida desde moi novas. Hai lembranzas da escola, das tarefas no campo, das vacas, das eiras. Tamén aparecen as dificultades: a falta de oportunidades, a imposibilidade de estudar, a dureza de conciliar cando non existían recursos.
Pero estes relatos non quedan no individual. Repítese un patrón: unha maneira de vivir atravesada polo traballo e por decisións que non sempre foron propias. A escola que remata cedo, a casa que absorbe todo o tempo, o campo como destino.
Todas coinciden nunha idea: durante anos, as cargas familiares foron a prioridade absoluta. Unha realidade atravesada polos roles de xénero, na que a responsabilidade de sostelo todo recaía nelas, mentres outras posibilidades quedaban fóra do seu alcance, ‘Para ir á horta non che fai falta ningún título’.


Aquí, a resposta emerxe con especial forza.
As historias non quedan no relato da dificultade. Hai unha vontade clara de marcar distancia co que foi imposto, de cuestionar os límites que lles fixeron propios durante anos. María Xosé cóntao sen rodeos cando fala do tractor: cando deixou de haber homes na casa, fixo aquilo que sempre lle dixeran que non podía facer. E fíxoo ben. Mellor, incluso. Non é só unha anécdota, é unha forma de reescribir o papel que lles fora asignado.
Ese xesto repítese, con distintas formas, ao longo da sesión. Hai unha conciencia colectiva de que tiveron que demostrar constantemente o seu valor nun contexto no que se daba por feito que non o tiñan. E, co paso do tempo, moitas conseguiron abrir espazos propios alí onde antes non existían.
Xunto a esa capacidade de resistencia, aparece tamén unha capa silenciosa, que condensa todas esas cousas que non se dixeron. A costume de calar, de non preocupar, de seguir adiante sen deixar lugar para o propio. ‘Non quero dar pena’, ‘os meus problemas non son nada’… frases que se repiten e que revelan unha forma de entender o coidado sempre cara fóra, nunca cara unha mesma.
Neste espazo, con todo, algo comeza a moverse. As palabras compártense, e con elas tamén as emocións. Falan da importancia de dicir o que lles pasa, de pedir axuda, de deixar de gardalo todo dentro. Como elas mesmas recoñecen, iso tamén forma parte do coidado.
É desde aí desde onde se constrúe o seguinte paso: o manifesto dos coidados.


Divididas en grupos, imaxinan que queren dicir e a quen. A resposta é clara: a todo o mundo. Porque o que están a poñer enriba da mesa non é algo individual, senón unha realidade que atravesa xeracións e territorios.
Xa non falan só desde a experiencia, senón desde a proposta. E fano sen ambigüidades. Queren ser escoitadas, non só como protagonistas dun proxecto, senón como voces con autoridade para falar dun sistema que coñecen desde dentro.
O que poñen enriba da mesa é concreto: máis recursos no rural, acceso real a servizos, apoio á conciliación, atención á saúde mental, recoñecemento do traballo de coidar. Pero tamén hai algo que debe cambiar con urxencia e por enriba de todas as cousas: a premisa de que todo iso lles corresponde por defecto.
‘Tamén temos dereito a facer a nosa vida’, unha frase que queda no aire, pero condensa moito máis do que parece. Non fala só do presente, senón de todo o que quedou atrás.
Ao longo da sesión aparece de maneira recorrente unha idea: a soidade. Non tanto como ausencia de xente, senón como falta de espazos para falar do que realmente importa. Unha soidade aprendida, normalizada, incluso asumida como inevitable.
E, con todo, neste encontro prodúcese o contrario. Hai debate, hai desacordo, hai risa. Hai tamén unha complicidade que non necesita explicarse, como se por fin non fixese falta traducir certas cousas. Unha maneira de estar xuntas que recupera algo que moitas botaban en falta.
Ese espírito materialízase no peche, no chamado túnel das caricias. Un xesto sinxelo que remata por ter unha carga simbólica enorme: por uns segundos, cada unha deixa de coidar para ser coidada. Sen pedir nada, e sen ter que xustificarse.
En Baroña, María, Dorita, Moncha, Cipriana, Carmen, Josefa, Consuelo e María Rosa dan un paso máis. Xa non se trata só de contar o vivido, nin sequera de compartilo. Trátase de reivindicalo. Xuntas, e con dignidade.