Antonio Fero, reelixido presidente da Asociación Cultural Castelo Conta

Liderará a Xunta Directiva máis numerosa da historia da entidade, con doce membros, dos cales dez son veciñas e veciños de Castelo.

A Asociación Cultural Castelo Conta renovou este sábado a súa directiva nunha asemblea de socias e socios na que saíu reelixido como presidente Antonio Fero (Xalo – Castelo, 1976), que ocupa o cargo desde o ano 2020, e que tamén forma parte das directivas da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo e da Asociación Castelo Deporte.

A asemblea incorporou a sete novos membros no órgano de goberno da entidade, o máis numeroso da historia da asociación. Súmanse á directiva Nadia Villamisar, Alba Campelo, Andrea Noya, Adolfo Rumbo, Daniel Beade, Ana Touriñán e Lucía Pedreira Reboredo, uníndose a parte do equipo que lidera a asociación desde hai case una década: Pablo Reboredo, Lorenzo Vázquez, Manuel Suárez e Álvaro Pérez Becerra.

Na asemblea, celebrada na polideportiva de Castelo, presentáronse as contas anuais do pasado exercicio e o orzamento do 2025. A directiva da asociación trasladou ás socias e socios a intención de continuar coas liñas de traballo desenvolvidas ata agora, procurando desestacionalizar a actividade da entidade, con programación ao longo de todo o ano.

X