O conselleiro de Cultura, José López Campos, quixo agradecer “á veciñanza e á organización pola súa implicación cun proxecto que dignifica as orixes e converte Castelo Conta nun referente cultural”, e comprometeu o apoio da Xunta para que “o festival siga medrando e sumando máis anos de vida”.
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, destacou que o Castelo Conta “actualiza o sentido da festa popular e a tradición galega, converténdose nun dos festivais culturais máis importantes do país”. Subliñou tamén “o valor simbólico de celebrar parte do festival no Monte Xalo, o punto máis alto da provincia, igual que o Castelo Conta é hoxe unha referencia cultural tamén no máis alto”.
Desde Deleite, o seu representante Pedro González puxo en valor a defensa da cultura e da lingua: “O territorio fala galego e tamén o fan as cousas. É un orgullo para Deleite acompañar o Castelo Conta desde a primeira edición e contribuír a que a cultura no rural siga viva”.
Por último, desde Estrella Galicia, Cristina Canosa reafirmou o seu compromiso co evento: “É unha honra acompañar un festival que aposta pola sostibilidade, polo rural e por unha programación que non só trae grandes nomes ao territorio senón que crea conciencia social e cultural”.
Segundo adiantou Touriñán, a programación desta edición manterá as actividades máis emblemáticas do festival e incorporará novas propostas para celebrar unha edición histórica.
O Día Grande do Castelo Conta celebrarase o sábado 30 de agosto, cunha andaina polas aldeas de Castelo, con pequenos contadas en diferentes paradas, e rematará co xa tradicional espectáculo de monólogos, conducido por Touriñán, e no que participarán David Amor, Lucía Veiga, David Perdomo, Marita Martínez, Quico Cadaval, Oswaldo Digón, Gari Garrido, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Javier Veiga.
Como gran novidade o festival estrea un novo espazo para a primeira fin de semana: o auditorio natural de Monte Xalo, un escenario natural integrado na contorna, no cume do monte, con capacidade para cincocentas persoas, onde actuarán Carlos Núñez, Sés, Alana ou Ortiga, e onde tamén estarán as Tanxugueiras, nunha sesión vermú especial o domingo 24.
A música será un dos piares desta edición, con concertos repartidos en diferentes espazos e horarios, desde sesións vermú ata seráns nas aldeas de Castelo.
Brais Morán e Nasaufunk, Abril, Pava, 9louro, The Rapants protagonizarán os Vermús na Taberna, que contarán coas tapas preparadas en directo polos cociñeiros Jorge Trigo (A Espiga), Nacho Moreira (La Esquina de Valentina), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha), Damián Paris (Dekanta’t), Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo (Ceibe), Bea Sotelo, Bego Vázquez (Regueiro da Cova), e Chisco Jiménez (Culuca).
De Vacas, Lisdexia, Monolius DOP, Zënzar ou Gin Toni’s serán algunhas das propostas musicais previstas para as noites do festival, ás que se sumarán desde o mércores outros espectáculos, como unha gran foliada, a estrea do documental ‘Buscando a nova regueifa’, a Gala dos dez anos do Castelo Conta -un espectáculo especial de aniversario que mesturará música, humor e memoria do festival- ou Somos Criminais e punto final, o espectáculo máis exitoso de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
Non faltarán algunhas das actividades habituáis, como os Contos de Castelo, onde a veciñanza maior compartirá historias e lembranzas mantendo o formato próximo e interxeracional, ou Xente Miúda do Castelo Conta, cinco xornadas de actividades dirixidas ás máis pequenas e pequenos
Os distintos espazos do Monte Xalo, Folgueira, Castelo de Abaixo ou Vilaverde converteranse durante dez días en escenarios naturais para a reivindicación da cultura de proximidade. O Castelo Conta aposta por seguir transformando a parroquia de Castelo nun espazo de cultura viva, ocupando aldeas, camiños e espazos comúns, abertos e participativos.
A programación completa está dispoñible na web www.casteloconta.gal e nas redes sociais do festival, onde se compartirán tamén contidos especiais polos dez anos. A entrada para a maioría das actividades é de libre acceso, as entradas para aquelas que o requiran están xa dispoñibles na web do festival.
O Castelo Conta é unha iniciativa de Xosé A. Touriñán e os seus veciños e veciñas de Castelo e conta co apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia.