Costureira, empresaria e, sobre todo, artista
Seica os celtas levaban, ademais de torques, micrófonos ao pescozo, o campo da festa constituía o elemento central dos castros e para chegar a druída había que formar parte da comisión canda menos un lustro. Se afirmase que na cultura da verbena se atopa a esencia do galego puro preguntariadesme de que palco caín. E con razón. Malia ser algo tan establecido que a meirande parte da xente nin reparamos en pensar que algunha vez non existiron, as orquestras tal e como as coñecemos xorden hai apenas unha centuria.
A comezos do século XX o tradicional gaiteiro solitario andaba falto de compañía e buscou un tamborileiro, dúo que despois pasou a ser xa cuarteto de gaita, e así aos poucos fóronse ampliando os conxuntos. É nestes momentos cando se dá o Big Bang das verbenas, derivado da luminosidade que permitía a chegada da electricidade e da estrela da festa, a figura do “animador”. Entre os primeiros cantantes houbo unha muller, unha pioneira, cunha personalidade e unha vida excepcionais: Finita Gay (Culleredo, 1928 – Carral, 1989).
Finita comeza a súa carreira musical de nena, colándose como espontánea no escenario durante as festas da súa parroquia; poderiámola chamar unha ‘show-woman’ nata. Xa neste punto inicial a historia pode semellar algo mentireira e haberá quen pense que sería filla de alguén, pero o certo é que era máis ben filla de, “coma quen di, un ninguén”. Criouse na posguerra, morréralle a nai e para axudar a manter aos seus cinco irmáns Finita traballou dende moi noviña. Formou parte dese colectivo de mulleres anónimas que levaba unha máquina de coser á cabeza polas vilas adiante ata que, malia as reticencias de seu pai, á idade dos 16, se fixo cantante. Un furor foi.
Todo marchaba que nin pintado, ata que o amante do que quedara embarazada non quere casar con ela e Finita ten un “fillo de solteira”. Así que marcha para Venezuela para seguir cantando. Formou parte de grupos coma a Billo’s Caracas Boys e axudaba a outras orquestras galegas que cruzaban o Atlántico para probar sorte. Ata que casou cun italiano, con quen tería o seu segundo fillo, que non lle deixou seguir actuando. Sempre lle viñan os problemas a conta do “primeiro sexo”.
Con todo, Finita non desaproveitou o tempo mentres estivo apartada dos escenarios. Volveu traballar na industria téxtil, desta vez de patronista nunha fábrica. De novo, marabilla ao seu arredor e, cando a empresa comeza un proceso de expansión territorial, viaxa cos propietarios aos Estados Unidos.
Ao lle morrer o home, a icónica culledesa volve a Galicia e funda un café cantante en Carral, A Martela. “Eu son dúas persoas. A Martela, a empresaria. E a artista, Finita. Como empresaria son durísima. Como artista son marabillosa!”, retratábase ela mesma. O nome do local vénlle do propio alcume da casa de Castelo de Abaixo, en Culleredo, na que naceu a internacional estrela e diva do ‘verbeneo’. A idade só fixo que Finita fose a cada paso máis polifacética: confeccionábase ela mesma os traxes cos que saía ao escenario, dominaba o repertorio galego e latino, tocaba o órgano máis o acordeón e compuña as súas propias cancións.
¡Vieja!, pero bien plantada
y aunque digan cosas
yo estoy bien cuidada.
¡Vieja!, vieja no, usada,
y conmigo tienen lo que les faltaba.
Que tengo muchos años ya lo sé
que yo ya no debiera estar cantando,
pero la música es mi gran amor
y yo cantando a nadie le hago daño.
Un ano antes de morrer, Finita soubo da enfermidade que a mataría. Non deixou de cantar n’A Martela e asegurouse de que o café cantante tivese continuidade ao traspasarllo a outro artista; o espectáculo debe continuar. En palabras da propia artista: “A alegría perdereina no momento que morra”. Ao chegar tal data, en febreiro do 1989, foi soterrada na súa parroquia natal, Castelo.
O seu nome non é tan coñecido como o foi no seu momento, mais Finita segue presente nas festas de calquera parroquia galega, xa que sen ela non serían o que son. Pero non só coa música e a troula influiu nas nosas vidas actuais, tamén ao vivir como lle viñese en gana, dentro da tan limitada liberdade que tiñan as mulleres do seu momento. Finita Gay ten darredor adxectivos como excéntrica, pícara ou ‘guasona’, que no seu momento permitían facer unha lectura máis banal da súa figura. Dende a perspectiva contemporánea sabemos do rompedora que foi Finita e da necesidade de tantas mulleres coma ela para que nós hoxe non teñamos que agardar que morra home ningún para volver cantar.
Amara Fontao
Xornalista