Participamos no foro ‘A Media do Camiño’ sobre o legado dos eventos no territorio
Participaremos o sábado 24 de outubro nunha conversa sobre o impacto dos eventos culturais e deportivos no desenvolvemento do rural. O encontro celebrarase en Vilaza, no marco dun foro que reunirá profesionais e proxectos vinculados á cultura, o deporte e o turismo.
Que queda nun territorio cando remata un evento? Como se pode aproveitar a chegada de visitantes para xerar actividade máis alá dos días de celebración? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán no foro de A Media do Camiño, no que participará o Castelo Conta esta fin de semana.
O encontro terá lugar o sábado 24 de outubro no Retiro do Conde, en Vilaza (Monterrei), como parte dunha programación que combina deporte, cultura e reflexión arredor das oportunidades que ofrece o turismo para o desenvolvemento do rural. A iniciativa forma parte de A Media do Camiño, un proxecto vinculado á Vía da Prata que conta co apoio do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
O Castelo Conta estará representado por Álvaro Pérez Becerra, produtor do festival e secretario da Asociación Cultural Castelo Conta, na mesa Eventos que deixan pegada: do pico de visitantes ao legado territorial, prevista para as 11.00 h. O debate abordará como os eventos poden contribuír á actividade económica e social dos lugares nos que se desenvolven e que oportunidades ofrecen para deixar un impacto que vaia máis alá da propia celebración.
A participación parte da experiencia dun festival que, desde hai máis dunha década, combina programación cultural e implicación veciñal na parroquia de Castelo, en Culleredo. A actividade espállase por diferentes aldeas e espazos da parroquia, incorporando á programación lugares da vida cotiá e dando protagonismo á memoria, ao patrimonio e ás persoas que habitan o territorio.
A experiencia do Castelo Conta permitirá así achegar ao foro unha perspectiva sobre a organización de eventos culturais desde o rural e sobre a importancia de construír propostas conectadas co lugar no que acontecen.
O foro inclúe tamén unha primeira mesa arredor do Camiño de Santiago como oportunidade para atraer visitantes e xerar actividade local, así como un espazo de encontro entre as persoas participantes e visitas a dous proxectos da comarca: a adega Manuel Vázquez, en Castrelo do Val, e Mel Aialma, en Laza.
A fin de semana completarase o domingo 25 de outubro coa celebración das probas deportivas de A Media do Camiño, que percorrerán diferentes tramos da Vía da Prata.
A programación completa do foro está dispoñible en A Media do Camiño.
