Un xoves coa emigración de fondo e as risas de Somos Criminais 3

O xoves do Castelo Conta deixa atrás a chuvia para continuar co bo tempo e o bo humor. De novo, a música rendeu homenaxe á tradición e as risadas inundaron a Polideportiva de Castelo, coa presenza de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán con ‘Somos Criminais 3’.

Na primeira parte do día, os máis novos continuaron coa formación ambiental nun obradoiro práctico, participando da creación dun refuxio para insectos. Unha construción que, ademais, axudará na conservación dos seus autocultivos. Tamén proseguiron cos seus ensaios de cara a estrea do seu propio espectáculo na xornada do venres.

A penúltima xuntanza dos Contos de Castelo versou sobre a emigración. Conversamos coa veciñanza sobre o pasado e o presente do noso pobo, do que significa marchar e tamén volver. A sesión en Vilaverde remataba co ritmo latino do cuarteto musical Son Boleros, coa voz de Geovanni González, a voz e a percusión de Ely Morales, o contrabaixo de Pachi Cruz e o piano de Cristian Leggiero. Retomamos os sons das verbenas de antes, que tan nosos se nos antollan.

A noite arrincou coa última función de ‘Somos Criminais 3’ deste verán; xuntando de novo a Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán sobre as táboas para interpretarnos e descubrirnos como somos, dende dentro, como galegas e galegos. A polideportiva encheuse para este espectáculo que contou con interpretación en linguaxe de signos nunha experiencia piloto froito da colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. O público fartou a rir coas historias de Carlos Blanco e Touriñán, que gañaron a complicidade dos asistentes desde o primeiro momento.

Xurxo Fernandes pechou esta xornada do Castelo Conta, coa innovación dunha proposta musical que bebe da creación popular colectiva, das mulleres portadoras da tradición oral. Voz e percusión son os recursos que este artista emprega para manter vivo parte do folclore europeo, que incorpora e mestura nun proxecto artístico de seu. Un espectáculo único cheo de forza sonora na que os músicos trouxeron a tradición oral europea ao pé do Xalo.

X