O pasado Castelo en Super 8, a churrascada popular e unha noite de música

Na xornada do venres asistimos á representación teatral dos máis novos e tamén dos máis veteráns. Gozamos coas xuntanzas populares, tanto para conversar como para xantar. E tamén desfrutamos coa música de tres bandas diversamente galegas.

De mañá, os miúdos e miúdas volveron ao Monte Xalo para achegar a súa contribución á contorna, mediante a plantación simbólica de especies autóctonas. Mais o día non remataba aquí para a cativada, pois esta xornada acolleu a estrea da súa propia obra, que xa viñan preparando dende o luns. Para pechar cinco días de actividades, os pequenos desfrutan da música de Pakolas en directo, antes de deleitarse cun xantar pensado para todos eles e tamén aberto ás familias e á veciñanza.

Co comezo da tarde, asistimos a última sesión dos Contos de Castelo. No Alpendre do Ferrador, reodeámonos de caras coñecidas a través de material fotográfico e audiovisual que os veciños e veciñas de Castelo tiveron a ben compartir con nós. Así, a tardiña pasou recuperando a memoria local a través das lembranzas dos seus protagonistas, que non só nos abriron as portas das súas casas senón que tamén os seus álbums familiares. Tamén puidemos ver películas en Super 8 que fixo xente da zona arredor da década dos 70 de escenas como un día de malla ou partido de fútbol sala.

Un día no que tamén tivemos o pracer de recibir As Fillas Bravas á súa chegada, directamente dende Momán. Trouxeron consigo as coplas da actualidade, coa determinación de deixar cada cousa no seu lugar. Tres mulles que, dende a tradición oral, nos falaron do presente máis inmediato sen renunciar á posta en valor das raíces. As cadeiras non chegaban para toda a xente que se achegou a velas, dende os máis maiores da casa cos seus caxato ata os máis noviños coa merenda na man.

Á noitiña, os veciños e veciñas de Castelo encargáronse de preparar a tradicional churrascada que desfrutamos todos antes da noite de troula. Finalmente, para pechar o intenso día e como non podía ser doutro xeito, chegou a música novamente a Castelo. Nesta ocasión, tivemos a oportunidade de desfrutar da música en directo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, de Guadi Galego e de Moura. As tres bandas subiron ao escenario da polideportiva para repasar todo un interesante e diverso repertorio que conquistou a un público entregado dende o primeiro momento. Tocou despois ir durmir algo, pero non se preocupar, o día grande das festas do San Ramón aínda está por vir. Esperámosvos a todos e todas mañá.

Un xoves coa emigración de fondo e as risas de Somos Criminais 3
O día grande das festas do San Ramón
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.