Seguimos avanzando na conservación da memoria de Castelo

Presentamos o proxecto ‘Contar(nos)’ no marco do festival.

Contar(nos) é un proxecto que nace da Asociación Cultural Castelo Conta e que quere consolidarse no tempo como unha referencia na preservación da tradición oral. Durante todo o ano, promovemos unha serie de actividades encamiñadas á recollida de testemuños e documentos de arquivo coa finalidade de catalogalos e preservalos. Deste xeito, coa axuda da veciñanza, recuperamos fotografías e películas filmadas en Super 8 e noutros formatos analóxicos, dixitalizámolas, catalogámolas e compartímolas coas veciñas e veciños para atopar as historias que hai detrás desta documentación dispersa. O noso propósito é conservar e compartir todo este patrimonio inmaterial propio, que nos permite falar da nosa identidade como pobo e como individuos.

Estes meses pasados, estivemos falando coas nosas veciñas e veciños mais maiores -e tamén cos que non o son tanto- para que nos facilitasen as fotografías ou gravacións que conservaban e que tiñan lugar en Castelo. A partir desa recollida inicial, fomos organizando todo o material, identificando ás persoas que nel aparecen, restaurando as fotografías escaneadas e dixitalizando os materiais audiovisuais. Feito este traballo, iniciamos un labor de catalogación que vai encamiñado á creación dun aqrquivo que vai medrando ano tras ano e que pretendemos ampliar tanto no espazo como no tempo.

E a partir deste traballo que realizamos diferentes compilacións destinadas a compartir coa veciñanza durante a realización do festival Castelo Conta, un evento que permite ampliar a difusión do proxecto grazas á súa proxección mediática e tamén compartir cun maior número de persoas vencelladas coa parroquia e que adoitan vir por estas datas. Entre eses materiais atopamos o libro A memoria de Castelo, distribuído de xeito gratuíto por todos os lugares de Castelo ou este proxecto que vimos de presentar e que consiste na compilación de parte do arquivo restaurado en Super 8 conservado en Folgueira.

Deste xeito seguimos a máxima do proxecto: achegar a tradición oral e a bagaxe cultural a todas as xeracións.

Este proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña a través do seu programa de Subvencións para a Realización de Actividades Culturais FO203/2022.

O Castelo Conta está de volta!
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.