O Castelo Conta está de volta!

Imaxe do Castelo Conta: o logotipo con ilustracións de xente cantando e escoitando

Logo de dous anos sen poder celebrarse, o Castelo Conta regresa para encher a nosa aldea de contos, comedia e música durante unha semana. Sempre hai ganas de que chegue agosto, pero este ano, se cadra, máis. Todos os lugares de Castelo serán escenarios nos que os mellores artistas galegos compartirán o seu talento con todos nós.

Volverán os Contos de Castelo cos maiores, a Xente Miúda do Castelo Conta para as cativas e os cativos, seráns con Sés, Guadi Galego, Guillerme Fernández, Xabier Díaz, ou Caamaño & Ameixeiras, espectáculos como ‘Elemental’, ‘Hoy puede ser mi gran noche’ e ‘Somos Criminais 3’, e concertos de Xabier Díaz, Guadi Galego ou Moura.

No día grande, o sábado 27, regresará a andaina na que, despois de xantar, percorreremos Castelo con Luis Davila e Carlos Blanco. Á noite, Galifunk Brass arrincará unha festa na que desta volta participarán David Perdomo, David Amor, Noemi Rodríguez, Darlene Rodríguez, Oswaldo Digón, Carlos Blanco, Javier Veiga, Pepo Suevos, Isabel Risco e Patricia Castrillón.

Despediremos a semana o domingo 28 como se despiden as boas festas, coa sesión vermú do San Ramón, nesta ocasión a cargo do gran Sito Sedes, referente da verbena Galega. Como vén sendo habitual, a maioría das actividades e actuacións serán de acceso libre, pero hai varios eventos que serán de pago ou para os que será preciso reservar un convite. Nesta web atoparedes un espazo no que solicitalos ou mercar as entradas, e tamén esta seccion de noticias nas que iremos dando conta de todas as novidades desta edición.

Para os que vivimos aquí, é importante poder organizar este festival desde a primeira persoa, co convencimento de quen vive nun lugar que asume e coida como propio. Por iso deseñamos a programación desta sétima edición pensando en todos os nosos veciños, maiores e pequenos, e atendendo tamén ao coidado da nosa contorna, minimizando o impacto ambiental cun uso responsable dos espazos e evitando xerar desperdicios ou danos inecesarios. Por iso, estamos comprometidos co uso de materiais e envases sostibles e deseñamos diferentes accións para a concienciación sobre a importancia de respectar e coidar o noso monte.

Agardamos por todos e todas vós en Castelo!

Xosé A. Touriñán
Director do Castelo Conta

X