O principal exportador de morriña

Nos últimos Contos de Castelo, presentados por Carretero e Lezcano, o tema vai de emigración, ese coitelo que á vez crea e mata.

A emigración ten moitos retratos. Quizais o máis coñecido sexa o tirado por Manuel Ferrol, aquela fotografía do 1957 dun pai máis un fillo descompostos pola dor ao despedir á nai que marchaba para a Arxentina. Para min, a imaxe é a dos tallaríns feitos por miña avoa, postos a secar no hórreo da casa. Ela nunca saíra da súa Taboada natal pero aprendeu a cociñar pasta polas receitas que súa sogra trouxera de Buenos Aires, onde a familia compartira piso con outros emigrados italianos. Porque, como dixo Nacho Carretero, este fenómeno social tan determinante na historia de Galicia “non é algo do que enorgullecernos nin do que avergoñarnos; simplemente, é un feito”.

O autor de Fariña e o tamén xornalista Arturo Lezcano encargáronse de fiar os Contos de Castelo na que foi a última das conversas, cando menos, por este agosto. Ambos saben do que falan xa que son, como os definiu Touriñán, “emigrados perpetuos aló en Madrid”. Por suposto, o emigrar de antes non é coma o emigrar de agora. (Cómpre lembrar, a memoria é mercancía fraxil, que segue a haber moita, moita, mocidade que vai buscar a vida fóra). Entre os motivos actuais, lonxe desa “man diante coa outra atrás”, está o da busca de novas oportunidades no xornalismo, na música, no audiovisual… Ben saben de que vai o tema Carretero e Lezcano, que sinalon como consecuencia disto un novo e latente interese pola cultura galega alén das nosas fronteiras. Porén, tampouco se pode romantizar nada e Lezcano advirte: “Malia ser importante o que podemos facer os que estamos fóra, segue a ser unha mágoa todo o que se deixa de facer aquí”. En Castelo, tamén coñecen a canción.

Bernardino marchou sendo novo, no 1970, para Inglaterra a traballar nun hospital limpando. “Para doutor seica non valía”. Aló coñeceu á súa muller, portuguesa, coa que volve cada ano para as festas da parroquia. Súa irmá Rosa asegura que morriña “aínda a ten agora”. Carol é a neta da marabillosa Finita Gay e naceu na diáspora, en Caracas, de onde volveu con catorce anos. Agora xa o perdeu, pero de nena falaba cun acento venezolano que traía consigo nos veráns de vacacións en Castelo. O regreso da xente da emigración era neste lugar “algo exótico”, como o describiu Touri. O autóctono deste punto do mapa aos pés do Xalo tamén explicaba que os cativos e mozos retornados pola época estival tiñan que axudar a apañar as patacas, como calquera outro. Cando os fillos de Bernardino intentaban escapar da tarefa, este berráballes nunha variante do inglés que recollía a poética verba “mecaghoendios”.

Paco tamén naceu fóra e volveu para a terra, el con vinte e tres anos e dende México. Aló xa nacera seu pai, malia ter por lingua a galega. A nai, de Santiago de Compostela, si que non a falaba, ela falaba iso do “compostellano”. Chus, unha muller nova, falou despois da Illa de Man á que emigrou, onde o clima, coma o marisco, é similar. Marga tivo unha experiencia como estranxeira en París aos vinte e catro anos na que as cousas bonitas estiveron, pero tamén a aprendizaxe de sentir o menosprezo por ser dun lugar que se considera “inferior”. Sendo branca e europea.

Con todo, a historia de vida máis mítica de Castelo é a de Ramiro. Ningunha proba, ningunha dúbida. Marchou para a República Dominicana no 1955, cun contrato de traballo que proviña dun acordo entre Franco e Trujillo. Acabou sendo un engano, un fraude, unha estafa. Asignáronlle a el máis a seu irmán unha chabola sen auga nin luz e un anaco de selva no que aprenderían a plantar manises. Acabou vinte e dous días nun cárcere do país que baña o Caribe antes de ser repatriado. “Quedei fartiño da República Dominicana” podería ser o titular dunha historia que merece o seu propio espazo. Porque, como dixo o seu veciño Touriñán, “Ramiro é un animal mediático” e o que viviu dá para moito.

Escoitando o que este home compartiu e sen comprender ren estaban unha rapaza de Holanda e outra de Hong Kong. Chegaron ata aquí a través da residencia para artistas que Iria montou na casa de súa bisavoa, a cal decidiu rehabilitar hai xa un par de décadas e que trae ata Castelo xente de todas as latitudes. Será un lugar pequeno pero a densidade de contos por metro cadrado desta parroquia é espectacular. Se non o cres, consulta a Wikipedia e verás.

A emigración é un coitelo que á vez crea e mata. Nada ten que ver unha historia con outra, pero unha certeza une todas: Galicia é o principal exportador de morriña do mundo.

Noticias relacionadas

Pasámolo ben desfrutando e coidando do monte

Temos a sorte de celebrar un festival nun lugar privilexiado. Temos tamén a responsabilidade de coidalo e mantelo para que as xeracións que veñan detrás poidan seguir vivindo e gozando deste sitio único.

Ler máis