Outra volta á festa
En 2026, o Castelo Conta celebrou a súa décimo primeira edición baixo o lema Outra volta á festa. Do 24 ao 30 de agosto, a parroquia de Castelo volveu encherse de música, humor, gastronomía, tradición, creación e, sobre todo, de persoas dispostas a compartir unha semana arredor da cultura e da vida da parroquia. A actividade, porén, comezou un mes antes, enchendo a Taberna de actividades e obradoiros, e de fitos como a eclipse ou a acollida do proxecto A Lacena Pequena.
Máis de sesenta propostas espalláronse polas aldeas e espazos de Castelo, mantendo algunhas das citas xa imprescindibles do festival e incorporando novas maneiras de contar e vivir o territorio. Os Contos de Castelo volveron poñer no centro as voces da veciñanza e a memoria do lugar; Xente Miúda reuniu a 82 nenas e nenos durante cinco mañás; e os Vermús na Taberna volveron xuntar gastronomía, música e encontro arredor do lugar de sempre.
A edición estivo tamén marcada por proxectos que miran cara ao futuro sen deixar de partir da memoria. Mulleres que Contan chegou á súa estrea no festival despois dun proceso compartido con mulleres de diferentes territorios, mentres a nova Bolsa de Creación Castelo Studio abriu unha vía para que escritoras, escritores e ilustradoras ou ilustradores poidan crear desde Castelo e en diálogo coa súa comunidade.
A música, o humor e a festa volveron ocupar os espazos da parroquia durante toda a semana, desde as sesións vermú e as foliadas ata a Noite do Castelo Conta e a romaría de San Ramón, nunha edición na que tamén se mantivo a aposta por achegar propostas culturais a diferentes lugares do territorio.
Un ano máis, o festival foi posible grazas á implicación da veciñanza, do equipo, das persoas voluntarias, artistas, colaboradoras, entidades e patrocinadoras que fan posible que Castelo siga sendo o lugar de encontro de todas e todos.
Outra volta á festa, si. E este ano, do Santiago ao San Ramón.














































































