O Castelo Conta e o novo tempo da regueifa
O Castelo Conta leva anos abrindo espazos para a tradición oral galega, achegándose á regueifa desde a creación, a educación e o encontro coa comunidade.
A palabra sempre tivo un lugar propio no Castelo Conta. Desde os seus primeiros anos, o festival entendeu que a tradición oral non é só unha parte da memoria colectiva, senón tamén unha ferramenta de creación capaz de evolucionar e de seguir dialogando co presente.
Dentro desa mirada nace o espazo que cada edición dedica aos Contos de Castelo, un encontro que recupera o costume de reunirse arredor das historias, das voces e dos saberes da veciñanza e os visitantes. Unha programación que pon no centro a oralidade como patrimonio vivo e que, ano tras ano, busca novas maneiras de achegarse a expresións como a regueifa.
A relación do Castelo Conta con esta arte improvisada foi medrando ao longo das últimas edicións. Hai dous anos, os Contos de Castelo achegaron ao público unha primeira aproximación á regueifa da man de tres dos seus grandes referentes contemporáneos: Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Lupe Blanco, no marco do proxecto ‘Tiruleque’. A través dunha demostración e dun pequeno obradoiro, as persoas asistentes puideron descubrir unha tradición baseada na rapidez mental, a retranca e a capacidade de construír versos no momento.
Unha tradición que, lonxe de quedar ancorada no pasado, vive hoxe un proceso de renovación grazas ao traballo de novas xeracións de regueifeiras e regueifeiros que a levan a novos escenarios, centros educativos e espazos culturais.
Esa vontade de amosar a regueifa como unha expresión viva tivo un dos seus momentos máis destacados na pasada edición do festival coa estrea de Ao son da nova regueifa, un documental dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas que percorre Galicia para retratar o presente desta disciplina e as persoas que están a impulsar a súa transformación. A peza, producida por Undodez, constrúe unha viaxe polas voces, territorios e experiencias que manteñen viva a improvisación oral galega, amosando a súa dimensión artística, pedagóxica e comunitaria.
A regueifa tamén ocupou un lugar protagonista noutras actividades do festival, como a Gran Foliada do Castelo Conta, na que a tradición oral rematou por atoparse co movemento do torreiro, demostrando que a cultura popular segue sendo un espazo de encontro entre xeracións.
Esta edición continuará afondando nesta relación coa palabra improvisada coa programación dos Contos de Castelo do martes 25 de agosto en Vilaverde. A xornada estará dedicada á regueifa cun encontro e un obradoiro impartido por Josinho da Teixeira e Manolo Maseda, dous vellos coñecidos do festival que regresan unha vez máis a Castelo para compartir unha tradición que leva anos transformándose sen perder a súa esencia.
O martes pola tarde, entenderemos a tradición como unha herdanza que se transforma cando as persoas a fan súa. A regueifa, como os contos, nace da comunidade: da conversa, da resposta, do enxeño e da necesidade de seguir contando.
