Nin a chuvia para a festa en Castelo!

Desfrutamos do teatro, a música e a natureza nunha xornada na que a climatoloxía adversa non parou o Castelo Conta.

A terceira xornada do Castelo Conta estivo enfocada na recuperación e na relectura; en dar novo sentido aos elementos do pasado. Conversamos sobre historias máxicas e asistimos as propias de Don Quixote para, finalmente, adentrarnos tamén no universo musical de catro grandes artistas galegos.

Na sesión matinal de hoxe, os Miúdos tomaron o Monte Xalo, protagonizando unha excursión na que descubriron a flora deste prezado entorno natural, que acolle ao festival ao longo desta semana. Nesta camiñada, a cativada, tamén aproveitou para apañar diferentes recursos que empregarán no próximo obradoiro, no que todos eles crearán un refuxio para insectos.

De novo, os Contos de Castelo deron comezo á tarde. Nesta ocasión, a temática envolveu a misticidade e as historias máxicas que forman parte da cultura popular galega. Aprendemos os ritos, costumes e crenzas de antano da man dos veciños que as viviron ou escoitaron delas. Un encontro que recupera grande parte da tradición oral do noso país.

Deseguido foi a quenda da cativada, quen desfrutou dun espectáculo teatral en chave cómica, protagonizado polos mismísimos Quixote e Sancho Panza. Ás costas dos seus particulares cabalo e burro, este dúo aventureiro personificou as súas mellores fazañas, achegando aos nosos miúdos e miúdas, non só o teatro, senón tamén unha parte importante da literatura clásica.

Coa noitiña, veu a música e á vangarda da tradición estaban Guillerme Fernández, Guadi Galego e Xabier Díaz. Un trío que trouxo de volta a enerxía das sesións ultramarinas, en acústico, versionando temas propios e tamén alleos. Xuntos, trouxeron as Versións Ultramarinas logo de dez anos sen xuntarse para estas sesións musicais que quenceron o corazón do público e fixeron esquecer a poalla que cubriu Castelo toda a xornada.

E rematamos coa música de Marta Gilino, coñecida como Russinha, unha artista que nos traslada a través da súa proposta electrónica na que emerxe o pasado e o presenta da música. Seguimos o xoves en Castelo, coa alegría por bandeira.

Aviso – Cambios de localización polas condicións climáticas
Se a maxia se chamase maxia viviría en Castelo
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.