As mulleres de ‘Mulleres que Contan’ reivindican un sistema de coidados público, universal e de calidade

O encontro final do proxecto reuniu na Escravitude mulleres de seis territorios rurais galegos para construír colectivamente o Manifesto dos Coidados. Un peche simbólico dun proceso que culminará coa estrea do documental no Festival Castelo Conta 2026.

Mulleres de seis territorios rurais galegos reuníronse na Escravitude (Padrón) para poñer en común meses de conversas, lembranzas e reflexións arredor dos coidados. O encontro final de Mulleres que Contan serviu para construír colectivamente o Manifesto dos Coidados, unha reivindicación nacida da experiencia común de quen sostivo durante décadas un sistema insuficiente e desigual.

Impulsado por Castelo Conta, o proxecto contou desde o inicio coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural. Nesta ocasión, a Asociación Deloa, foi quen acolleu a última xornada. Alí, as participantes de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa celebraron o camiño percorrido durante os últimos meses e puxeron voz a unha reivindicación construída entre todas.

O encontro desenvolveuse en tres momentos. Tras unha introdución ao proceso vivido, representantes de cada grupo tomaron a palabra para presentar as súas reflexións e reivindicacións. A partir desas intervencións foi tomando forma un único documento colectivo, escrito sobre unha gran pancarta baixo un mesmo lema: ‘Sistema de coidados público, universal e de calidade‘. Ao remate da xornada, unha pequena foliada coa intérprete Leni Pérez e uns petiscos da man de Momentia puxeron o broche festivo a un proceso que foi moito máis alá da creación audiovisual.

O encontro final de Mulleres que Contan na Escravitude. Fotografía: Aigi Boga

As intervencións abordaron cuestións distintas, pero todas nacían dunha experiencia común. Falouse da necesidade de coidar tamén ás persoas que coidan, da importancia de contar con apoio psicolóxico e espazos onde acompañar o loito, da invisibilidade que continúa rodeando os coidados ou da necesidade de aprender a delegar sen culpa. Tamén se reivindicou un Servizo de Axuda no Fogar máis accesible e dotado de recursos suficientes, tempos de espera máis curtos, centros de día adaptados ás necesidades das familias e a posibilidade de permanecer nas aldeas sen renunciar a unha atención digna.

Outro dos grandes eixos do manifesto foi o valor dos espazos comunitarios. As participantes puxeron en valor o asociacionismo, os lugares de encontro interxeracionais e o tempo de calidade como ferramentas fundamentais para combater a soidade, fortalecer as redes de apoio e construír novas formas de coidado mutuo. Ao longo das intervencións repetíronse ideas que atravesaron todo o proceso: a necesidade de tempo propio, de conciliación e de entender os coidados como unha responsabilidade colectiva e non exclusivamente feminina.

Ao longo do proceso, o propio proxecto converteuse tamén nun deses espazos de encontro que durante moito tempo lles faltou a tantas mulleres do rural. Un lugar para compartir vivencias, escoitar outras historias e descubrir que moitas das experiencias que crían individuais eran, en realidade, colectivas.

Cada intervención remataba cun xesto simbólico. As representantes de cada grupo escribían a súa reivindicación na pancarta e deixaban a súa pegada, convertendo ese manifesto nunha suma de voces, memorias e experiencias. Case como nunha manifestación, as palabras ‘vida digna’ e ‘coidados públicos’ repetíronse unha e outra vez, resumindo o sentir común de mulleres procedentes de territorios distintos pero marcadas por vivencias sorprendentemente semellantes.

As mulleres participantes escribindo as súas reivindicacións na pancarta. Fotografía: Aigi Boga.

Foi nese momento cando as historias comezaron a atoparse. As emocións non xurdiron tanto da dureza dos relatos como do descubrimento de que non eran experiencias illadas. As participantes recoñecéronse unhas nas outras. Máis alá das diferenzas entre zonas ou modos de vida, compartían renuncias, responsabilidades, aprendizaxes e unha maneira de entender os coidados construída ao longo de décadas. Desa identificación naceu tamén a forza da reivindicación colectiva.

Quizais por iso un dos momentos máis trascendentais chegou cando varias participantes proclamaron algo tan sinxelo como significativo: o dereito a quererse a si mesmas. Nunha xeración de mulleres que medrou poñendo sempre as necesidades dos demais por diante das propias, escoitar afirmacións de amor propio e recoñecemento persoal converteuse nunha das imaxes máis poderosas da xornada.

A medida que avanzaba o encontro, a pancarta foi enchéndose de demandas, propostas e desexos. Unha reivindicación que non busca privilexios, senón dereitos: que o acceso aos coidados non dependa do lugar onde se vive, dos recursos económicos dispoñibles ou da rede familiar de cada persoa.

Hadriana Casla, directora do proxecto, conducindo o encontro. Fotografía: Aigi Boga.

O encontro rematou coa celebración. As hortensias que acompañaran toda a lectura do manifesto voaron polo aire entre aplausos, antes de dar paso a unha foliada na que soaron as cancións de sempre, as de toda a vida, e as conversas continuaron arredor da mesa. Mulleres que meses atrás eran descoñecidas despedíanse agora intercambiando lembranzas, abrazos e a vontade de que aquel espazo de encontro non rematase alí.

Mulleres que Contan culminará coa estrea do documental na undécima edición do Festival Castelo Conta. Con todo, o proceso deixa xa un legado que vai máis alá da pantalla: unha rede de relacións construída entre mulleres do rural galego e un manifesto nacido de quen quere contribuír a construír un futuro máis xusto para as xeracións que veñen.

As mulleres participantes celebrando o final do percorrido cos petiscos de Momentia. Fotografía: Aigi Boga.

Mulleres que Contan é un proxecto de cooperación impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, Miño-Ulla, Ribeira Sacra-Courel e Deloa, en colaboración coa Asociación Cultural Castelo Conta, e financiado polo FEADER no marco da Intervención Leader de Galicia (PEPAC 2023-2027).

De contar a reivindicar: ‘Mulleres que Contan’ pecha o seu percorrido cun encontro arredor dos Manifestos dos Coidados
Outra volta á festa para o Castelo Conta: o festival desvela a programación da súa décimo primeira edición
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.