‘Anda meu amore, imos a bailare’

O sábado foi unha sucesión de encontros, música e festa no Castelo Conta. Desde as cancións de Bibopalula ata as últimas versións dos Gin Toni’s, a xornada non deu tregua.

O sábado espertou en Castelo coa música de Bibopalula e, desde primeira hora, quedou claro que ía ser un día longo. A Banda do Bosque regresou á Taberna para reencontrarse coa cativada, que cantou e bailou as cancións da serie mentres agardaba pola aparición de Robin, Pegui, Merli e Carpin. Cando os catro paxariños saíron finalmente ao escenario, a mañá rematou entre saltos, cancións e moita ilusión.

Na praza, o seguinte encontro xa estaba preparado. O tempo andaba algo tolo, entre vento e momentos de sol, pero non foi suficiente para frear unha sesión vermú que este ano medrou en tamaño e tamén en propostas. Por primeira vez, catro cociñeiros compartiron fogóns e mesa no Castelo Conta: Chisco Jiménez, de Culuca, regresou cos seus míticos callos, que desapareceron en cuestión de minutos; David Vilariño, de Taberna do Campo, estreouse cunha fideuá de caldo de marisco e merluza; Moncho Méndez, de Millo, preparou unha ensaladilla con tartar de bonito; e Pablo Morales, de Habaziro, pechou a parte gastronómica cun Crouri, un cruasán creado especialmente para o festival e dedicado a Touriñán.

E mentres a xente comía, a música foi facendo que a praza se fose enchendo cada vez máis. Tanto Nos Ten abriu a sesión cunha dose de música tradicional furtiva e, cando parecía que a sobremesa podía pedir un pouco de calma, Quinkillada encargouse de demostrar o contrario. Cumbia, rock, ska, rumba e sons de raíz puxeron a bailar a persoas de todas as idades e converteron a Taberna nunha festa das boas.

A tarde aínda tiña un último asalto. Skadelos regresou aos escenarios despois de case tres anos e atopouse cun público disposto a recibilos con ganas. O seu ska e rock fixeron que a música seguise soando mentres o ceo, despois dunha tarde algo revolta, acababa por tinguirse de azul. Un regreso que soubo a festa e que deixou a Taberna preparada para o que quedaba por diante.

Porque aínda quedaba a noite grande. A Noite do Castelo Conta volveu encher a Polideportiva nunha gala que esgotara as entradas practicamente desde o momento en que saíron á venda. A Galifunk Brass acompañou a chegada do público e, xa sobre o escenario, Xosé A. Touriñán tomou o mando para dar paso a Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna, Marcos Pereiro, Gari Garrido, Javier Veiga e Xavier Veiras.

Historias, improvisacións, retranca e moitas gargalladas nunha desas noites que permiten mirar cara atrás e comprobar todo o que medrou o Castelo Conta desde aqueles primeiros encontros arredor dos monólogos e da conversa. A gala contou tamén coa presenza da FAXPG, con intérpretes de lingua de signos, para que o humor puidese chegar a todo o público.

E aínda quedaba un último concerto. Gin Toni’s volveu por segundo ano consecutivo para pechar o sábado cun repertorio de cancións e versións ben coñecidas. A Polideportiva encheuse de voces e bailes para alongar un pouco máis a noite e despedir a última noite do Castelo Conta como merecía.

E así, entre música, gastronomía, humor e moitas ganas de compartir, o sábado foi avanzando sen dar practicamente tempo para parar. Desde as primeiras cancións da mañá ata as últimas da noite, en Castelo houbo sempre un motivo para seguir en pé, para achegarse e, por suposto, para poñerse a bailar. Un día deses nos que o corpo parece dicirnos que aínda queda enerxía para unha última canción.

A beleza, que aconteza
Do Santiago ao San Ramón
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.