Unha volta aos fogóns do Castelo Conta

Ao longo dos Vermús na Taberna do Castelo Conta 2026, dezaseis cociñeiros e cociñeiras achegaron a Castelo as súas propostas, os seus produtos e a súa maneira de entender a gastronomía. Agora que a festa rematou, propoñemos devolverlles a visita e seguir descubrindo o seu traballo nos restaurantes onde cociñan cada día.

O Castelo Conta é xa difícil de imaxinar sen certas cousas que forman parte da festa: a música, as conversas, a Taberna chea, a xente sentada á mesa e os petiscos que van desaparecendo dos pratos mentres a praza comeza a coller ritmo.

Os Vermús na Taberna son unha parte importante da festa. Un formato que levamos anos celebrando e que desfrutamos moito, tanto desde a organización como desde o outro lado da mesa. É, sobre todo, un encontro con profesionais da gastronomía galega: cociñeiros e cociñeiras con traxectorias ben diferentes, pero cunha maneira común de entender a cociña, poñendo o produto no centro, traballando con el e compartindo co público unha pequena parte do que fan durante todo o ano nos seus restaurantes.

Algúns xa son habituais de Castelo. Outros achegáronse por primeira vez nesta edición. Hai quen regresou por segundo ano e quen xa suma tres visitas aos fogóns de Casa Rodríguez. E cada volta á Taberna deixa tamén novos sabores, novas historias e esas ganas de volver probar o que fan cando a festa se traslada de Castelo aos seus propios fogóns.

A primeira xornada estivo protagonizada por dous cociñeiros que xa coñecen ben o Castelo Conta. Jorge Trigo, de A Espiga (restaurante recomendado na Guía Repsol e na Guía Michelín), na Coruña, abriu os fogóns cun arroz popular con churrasco e maionesa de chimichurri, unha proposta que levaba ese punto de cociña festiva que tan ben encaixa cos Vermús. Ao seu lado, Nacho Moreira, de La Esquina de Valentina (cun solete na Guía Repsol) e Concha (o seu novo restaurante), tamén na Coruña, achegou un pan brioche de chuletón para chuparse os dedos.

O martes chegaron dúas propostas ben diferentes. Manuel Rodríguez, de Playa de A Cova, en Lugo, debutou no festival cun guiso de cachena con anguila afumada, mazá e castaña marrón glacé, combinando produto e técnicas nun petisco que falaba tamén da cociña que desenvolve no seu restaurante. Begoña Vázquez, do Regueiro da Cova, en Verín, xa coñecía o camiño ata Castelo e regresou cunha proposta de castañas, pato, panceta celta e ovo frito.

O mércores foi de repetir clásicos. Lolo Mosteiro e Paula Martínez, de A Artesa da Moza Crecha, en Betanzos (restaurante recoñecido na Guía Michelín), prepararon un bocata de xamón asado con churrasco e salsa de pementos. E Damián París, de Decanta-t, na Coruña, volveu por terceiro ano consecutivo co seu mítico bocadillo de churrasco. Un prato que xa case podería considerarse parte da carta oficiosa dos Vermús na Taberna e que, unha vez máis, desapareceu dos pratos en cuestión de minutos.

O xoves, a gastronomía levou a Castelo cara a outros sabores. Álex Méndez, da Arrocería os Cachivaches (tamén mencionada na Guía Michelín), en Lugo, preparou un arroz meloso de gambas, algas e vainilla que voou da Taberna. Unha combinación na que produto do mar e creatividade se atoparon nun prato pensado para comer nunha praza en plena festa. Bea Sotelo, de Illas Gabeiras, na Coruña, apostou pola cociña de produto cun bocata de carrilleras con verduras de tempada, pesto e queixo parmesano.

E o venres volveu ser o mar o que marcou os pratos. Kike Piñeiro, de A Horta do Obradoiro, en Santiago de Compostela, regresou ao Castelo Conta por terceiro ano consecutivo. Esta vez, cun guiso de fideos con mexillóns e lira, un peixe que chegou directamente de Ribeira grazas ás peixeiras da lonxa. Unha maneira de levar á Taberna produto próximo e historias que tamén forman parte da súa procedencia.

Ao seu lado, Lucía Freitas debutou no festival con A Tafona, tamén en Santiago, cunha ensaladiña con encurtidos e escabeche de raia. Unha proposta que serviu para achegar á praza unha pequena mostra da cociña coa que leva anos construíndo a súa traxectoria.

E o sábado, para despedir os Vermús na Taberna, a mesa fíxose máis grande. Chisco Jiménez, do Culuca (recomendado tanto na Guía Repsol como na Guía Michelín), na Coruña, regresou cos seus xa míticos callos, un dos pratos máis esperados dos Vermús e unha presenza que xa se converteu nun clásico do Castelo Conta.

Foi tamén a primeira vez para David Vilariño e Patricia Navarrete, de Taberna do Campo, na Coruña, que prepararon unha fideuá de caldo de marisco e merluza; para Moncho Méndez, do Millo, tamén na Coruña, que apostou por unha ensaladilla con tartar de bonito; e para Pablo Morales, de Habaziro, que puxo o punto doce cunha creación feita especialmente para a ocasión: o Crouri, un cruasán inspirado no Castelo Conta e adicado a Touriñán.

Dezaseis cociñeiros e cociñeiras, seis días e unha chea de pratos diferentes. Pero detrás de cada petisco hai tamén horas de traballo, unha maneira de entender a gastronomía e un proxecto que continúa cando os fogóns da Taberna se apagan.

Porque os Vermús na Taberna son unha forma de traer ata Castelo profesionais que admiramos, descubrir o que fan e compartir con eles unha parte da festa. E se durante estes días foron eles os que se achegaron ata nós, agora que o Castelo Conta xa rematou, tócanos devolverlles a visita.

A Coruña, Santiago, Lugo, Betanzos ou Verín quedan así un pouco máis preto de Castelo. Alí, nos seus locais, podemos seguir descubrindo o seu traballo e maneira de entender a cociña. Son equipos e cociñas diferentes, pero todos teñen algo en común: detrás dos pratos hai persoas que levan anos traballando para construír unha maneira propia de facer as cousas.

A festa queda en Castelo. A mesa, por sorte, pode seguir en moitos outros lugares. 

Viste o Castelo Conta 2026! 
O traxe novo do emperador 
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.