Tres días máis de festa: o Castelo Conta sobe ao Monte Xalo

Dez días de festa para celebrar as dez edicións do festival: o Castelo Conta 2025 aumenta a programación con tres días máis no Monte Xalo, un espazo de gran valor ecolóxico que acollerá concertos, sesións vermú, e moito máis.

Este ano, o Castelo Conta celebra os seus dez anos por todo o alto… literalmente. A programación amplíase con tres días máis de actividades que terán lugar no Monte Xalo, un espazo natural único que se converterá no auditorio perfecto para abrir unha edición histórica.

A decisión de ampliar o festival responde á vontade de celebrar esta década de vida como se merece, pero tamén de darlle o protagonismo que merece ao Monte Xalo, un lugar de alto valor ecolóxico e simbólico, xestionado pola Comunidade de Montes Veciñais de Castelo. A veciñanza leva anos traballando con compromiso e visión de futuro para coidar e recuperar este espazo, promovendo unha xestión sostible, combatendo as especies invasoras, reforestando con frondosas e especies autóctonas, e impulsando proxectos de educación ambiental.

Durante esta fin de semana inicial, o Monte Xalo acollerá concertos, sesións vermú, presentacións e espectáculos para todos os públicos. Alana, Ortiga, Sés, Bibopalula ou Tanxugueiras son só algunhas das propostas que nos agardan neste auditorio natural, integrado na contorna e cun aforo limitado para garantir o respecto polo espazo e a súa conservación.

Serán tres días para inaugurar o décimo Castelo Conta celebrando a natureza, a cultura e a comunidade. Un novo escenario, cunha nova maneira de gozar o festival e nunha ocasión única para achegarse ao corazón do monte.

Todo o que debes saber sobre as entradas do Castelo Conta 2025
O Monte Xalo: Cume de memoria, natureza e identidade
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.